Lores someterá ao pleno só os orzamentos do BNG, a pesar dun ambiguo informe municipal
Por Alejandro Espiño
Nin 24 horas despois do pleno deste luns, os portavoces dos partidos políticos volvéronse a ver as caras para falar do orzamento municipal. Iso si, coa ausencia do alcalde. Alí PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns coñeceron a xustificación que presentou o BNG para que, na sesión do venres, unicamente se debatan as contas do goberno local.
Nun documento, asinado por Miguel Anxo Fernández Lores, o goberno municipal asegura que existen "fundados argumentos" que avalan esta decisión. Entre eles, citan un informe do secretario do pleno que resulta ser ambiguo. Conclúe que non hai unha "resposta clara" sobre se se pode instar á cuestión de confianza se o orzamento non é aprobado ou se se debe tratar o texto emendado.
Para o BNG a cuestión está clara. O goberno "non pode aceptar" as emendas da oposición porque as administrativas supoñerían a "parálise" da administración e as demais un "cambio radical" do seu programa. De ser aprobados con esas modificacións, as contas serían "inasumibles" para o propio executivo local, argumenta o alcalde.
Isto non impide, engade, que o pleno debata as propostas da oposición -sempre en base ao orzamento do BNG- ou mesmo novas suxestións que se fagan nese momento e sexan aceptadas polo equipo de goberno. Fernández Lores incide ademais nesta argumentación en detalles xa expresados no pleno deste luns.
A prórroga do orzamento actual sería, segundo sinala o alcalde, "prexudicial" para Pontevedra, polo que optan por esa posible cuestión de confianza ante un "pacto alternativo" da oposición para evitalo, obrigar ao Concello a renunciar a todo o seu modelo e a "entorpecer ao máximo" a xestión municipal.
En todo caso, o secretario do pleno advirte que, fronte a esta visión pola que este funcionario municipal inclinouse no seu momento, existe unha sentenza xudicial que, aínda que "non trata directamente esta cuestión", conclúe que a cuestión de confianza non cabería presentala "aínda que a vontade maioritaria da corporación difira da do alcalde" se o orzamento ten posibilidades de ser aprobado coas devanditas emendas.
Relacionadas:
-
O PP pide a nulidade da aprobación inicial do orzamento do Concello
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Luis Villares, "orgulloso" do papel de Marea Pontevedra en relación co orzamento municipal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O orzamento, camiño do pleno en medio dunha dura batalla xurídica
Por Alejandro Espiño |
-
Tranquilidade no goberno local tras impugnar o PP a convocatoria do pleno dos orzamentos
Por Diego Espiño |
-
Tranquilidade no goberno local tras impugnar o PP a convocatoria do pleno dos orzamentos
Por Diego Espiño |
-
Martiño Noriega avoga por un acordo entre Marea e BNG: "É o lóxico e o que a xente espera"
Por Redacción |
-
Moreira di que os técnicos "no miran con el mismo celo" as propostas do goberno e da oposición
Por Alejandro Espiño |
-
VIDEO.- Lores apraza ao venres o orzamento e vincularao a unha moción de confianza se non é aprobado
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot | Creada e actualizada