Un incendio causado por unha estufa obriga a evacuar unha muller da súa casa en Cuntis
Por Redacción
Unha muller, de 85 anos de idade, veciña de Cuntis, tivo que ser trasladada ao centro de saúde de Caldas durante a tarde do martes debido ao fume que inhalara no incendio que se orixinaba no seu domicilio. O lume iniciábase polo contacto dunha estufa con pezas téxtiles no fogar da muller mentres ela durmía no sofá.
A octoxenaria reaccionou ao sentir a calor das lapas e tentou apagar o lume. Un viandante que pasaba pola zona alertou á muller do perigo que corría e logrou que abandonase o domicilio.
Ata o lugar trasladáronse efectivos de Protección Civil de Cuntis e de Emerxencias da Estrada. Lograron retirar o sofá da vivenda para apagar as chamas que prenderan no moble. Ao lugar, que se atopa na circunvalación da localidade, tamén acudiron axentes da Garda Civil e os Bombeiros do Salnés.