Nova iluminación led para as estradas de Santo André de Xeve, Estribela e Montecelo
Por Redacción
O Concello de Pontevedra ten practicamente rematada a renovación no ámbito urbano da iluminación pública, reducindo os custes das instalacións eléctricas e do alumeado público no rural pontevedrés.
Agora o Concello vólcase no rural coa substitución das vellas luminarias convencionais (de sodio ben de 250w ou ben de 150 w) por luminarias de led de 87 ou de 52 w por segundo en distintos lugares e nas estradas municipais do rural. Con esta actuación en Xeve, Lourizán e Mourente, acadarase un aforro ao ano de case 37.000 euros tanto en enerxía como no mantemento da rede.
Nestes días a empresa Setga está a traballar na parroquia de Lourizán, onde se está a substituír as luminarias na PO-11, dende Marqués de Valterra até o inicio da autovía de Marín. Estanse a pór 76 luminarias leds, adecuando as liñas e reparando os cadros. O aforro medio é dun 80% e ao ano supón un aforro de 12.520 euros, incluíndo a enerxía e o mantemento.
Tamén fixo os mesmos traballos na estrada de Santo André de Xeve, dende o empalme de Lérez que sae cara Pontillón, até o fin da parroquia, en Fragoso (Campo Lameiro). Neste caso substituíronse 96 luminarias por leds, ademais dos traballos de adecuación de cadros e liñas. O aforro medio, ao igual que o anterior é dun 80%, e o aforro ao ano é de 12.105 euros.
Por último tamén substituíu nestas últimas semanas a iluminación da subida a Montecelo e tamén a estrada de subida ao adro da igrexa de Mourente (o ámbito da igrexa xa ten nova iluminación). Nesta intervención substituíronse 72 luminarias por leds, adecuáronse as liñas e reparáronse os cadros, seguindo a normativa vixente. O aforro medio deste ámbito é dun 80%, e o aforro total, incluíndo enerxía e mantemento, é de 12.280 euros ao ano.
O custe total dos traballos é de 180.000 euros.