Menús especiais para os pacientes ingresados nos hospitais durante o Nadal
Por Redacción
O servizo de hostalería do Hospital Montecelo ultima estes días os preparativos para as festas de Nadal, pois ofrecerá menús especiais para que as persoas que teñan que pasar estas datas ingresadas poidan gozar igualmente das festas. Deste xeito, na cea de Noiteboa, aqueles pacientes que non teñan restricións alimentarias, poderán degustar pratos como crema de marisco, langostinos ao vapor, bacallau á galega con allada e coliflor e delicias de Nadal como sobremesa.
Á hora de xantar, no día de Nadal tomarase crema de ave con picatostes, salpicón de marisco e cordeiro asado ao forno con patacas panadeira, seguido de tronco de Nadal ou piña natural.
En Noitevella, a cea consistirá en gambóns con dúas salsas, crema de espárragos trigueiros, rape á americana acompañado con gambas, doces do Nadal e as uvas da sorte. O menú de Aninovo ofrecerá sopa de ave con tropezóns, vieiras ao forno, bitokes de tenreira con patacas pontenovo e champiñóns, e de sobremesa, torta de xema tostada ou macedonia natural de froitas.
Finalmente, o día de Reis, o menú do xantar consistirá en sopa de pasta, langostinos ao vapor, pavo con arroz pilaf e pemento asado, haberá pera en xugo de laranxa e canela de sobremesa.
O servizo de Hostalería de Montecelo prevé repartir un total de 160 menús especiais con motivo destas festas de Nadal, das cales tan só 30 serán de textura modificada. Tanto os pacientes como o persoal de garda do centro hospitalario poderán desfrutar dos pratos e doces típicos do Nadal, xa que o equipo de cociña enviará unhas bandexas con doces para os profesionais que teñan que traballar no centro nestas festas.