A Xunta inicia os trámites para renovar a autorización ambiental a ENCE
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os trámites para renovar a autorización ambiental integrada da fábrica de Ence en Lourizán xa están en marcha. Así o confirmou a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente. Trátase dun proceso derivado da prórroga concedida á pasteira polo Goberno para que permaneza na súa actual localización ata o ano 2073.
Desde o goberno galego aseguran que Ence terá que cumprir todos os requisitos ambientais que marca a lexislación para continuar coa súa actividade en Pontevedra, así como cos requisitos da Unión Europa nesta materia, "cada vez máis esixentes", segundo engaden desde Medio Ambiente.
Neste sentido, a compañía terá de prazo ata outubro de 2018 para someterse a unha nova revisión e avaliación destas condicións ambientais.
Con esta decisión, a Xunta abre un período de consultas durante o cal se solicitarán informes sobre esta autorización ambiental a tres departamentos autonómicos: Laboratorio de Medio Ambiente, Augas de Galicia e a xefatura territorial da Consellería de Industria.
Ademais, tamén terá que informar respecto diso o Concello de Pontevedra que, previsiblemente, opoñerase á concesión desta autorización ambiental.
Este permiso terá que pasar ademais polo correspondente trámite de exposición pública e presentación de alegacións. O resultado deste proceso coñecerase ao longo de 2017.