"O final do camiño" está en Pontevedra
Por Redacción
O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, vestirá de gala o próximo martes 27 de decembro. Será para acoller a fin de festa da rodaxe da serie de televisión O final do camiño, que emitirán proximamente TVE e TVG, e que foi gravada na provincia de Pontevedra.
A serie emitirase moi pronto en horario de máxima audiencia. En total, son oito capítulos duns 70 minutos de duración cada un dirixidos a un público familiar e producidos pola compañía Voz Audiovisual.
Con doses de loitas de poder, intrigas, historias de amor e desamor, asaltos e batallas, sitúase o comezo da historia no ano 1065 -dez anos antes do inicio das obras da nova catedral compostelá- e vertébrase arredor do camiño de Santiago.
Na serie poderanse ver paisaxes de Silleda, Lalín, Xestoso, Forcarei, a canteira de Rosende, a canteira de Vila de Cruces, os mosteiros de Carboeiro e Aciveiro, a praia fluvial de Siro, o Pazo de Outeiro en Vilatuxe, a fervenza de Escuadro, Vila de Cruces, Campomarzo, Ansemil, Carballeira da Barcia e o Castro da Estrada.
Ademais, empregáronse as instalacións da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, onde se recreou a Compostela medieval e as obras de construción da catedral, cuns 2.500 metros cadrados de escenarios de gravación.
O acto do día 27, a partir das sete da tarde, servirá para celebrar a fin da rodaxe da serie e nel estará parte do equipo da mesma, que contou cun elenco moi importante de artistas.
Participan actrices e actores como Antonio Velázquez, Javier Rey, Maxi Iglesias, Begoña Maestre, Guillermo Barrientos, Cristina Castaño, Asier Etxeandia, Ismael Martínez, Juan Fernández, Xavier Deive, Tito Asorey, Joan Massotkleiner, Manuel de Blas, Antonio Durán 'Morris', Jaime Olías, Patricia Peñalver, Paco Manzanedo ou Fina Calleja.
No evento exhibirase unha peza audiovisual na que se mostrarán os enclaves de Rías Baixas nos que se gravou a serie, tanto imaxes dos propios espazos como do proceso de gravación, así como o tráiler promocional. Haberá tamén música en directo.