Pontevedra e Poio, dispostos a chegar a acordos pola ponte das Correntes e a Xunqueira de Alba
Por Redacción
Os gobernos locais de Pontevedra e Poio están interesados en alcanzar acordos no conflito polos lindes entre ambos os municipios e, en concreto, sobre o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba e a ponte das Correntes e así llo farán chegar á Xunta de Galicia na súa próxima comunicación relativa a este asunto.
Segundo informou o Concello de Pontevedra, na comunicación expresarase o "desexo de ambas as corporacións locais de poder chegar a acordos de modificación dos lindes, se é o caso" para que leiras particulares "non queden dacabalo dos dous concellos".
Segundo o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, tamén se buscará "acadar acordos" sobre a Xunqueira de Alba e a ponte das Correntes, ao tratase de dous puntos sobre os que o último informe sobre os lindes ditado polo Instituto Xeográfico Nacional non se pronuncia, pero que poderían verse afectados polas novas fronteiras.
A comisión de lindes do Concello de Pontevedra decidiu este mércores que non presentará alegacións ao informe, que agora está en mans da Xunta de Galicia. Na súa comunicación á administración autonómica trasladaranlle esa decisión e tamén lle farán chegar o escrito de alegacións presentado pola Comunidade de Montes de Campañó, que está inmersa neste proceso de deslinde ao afectar a terreos da súa titularidade.
Relacionadas:
-
Un novo informe do Estado sitúa Bombeiros e parte da Xunqueira de Alba en Poio
Por Alejandro Espiño |
-
Jacobo Moreira pecha filas co goberno do BNG no conflito polos lindes con Poio
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra pedirá aclaracións ao informe do Instituto Xeográfico sobre os lindes con Poio
Por Redacción |
-
O conflito dos lindes con Pontevedra, próximo a resolverse en favor de Poio
Por Alejandro Espiño |