Rouban 1.000 berberechos dun proxecto de investigación nunha batea
Por Redacción
A Consellería do Mar deu a coñecer este mércores o roubo de varios lotes de berberecho que formaban parte dun proxecto de investigación deste centro relacionado coa resistencia ao parasito Marteilia cochillia. A sustracción afecta ao avance do proxecto.
Segundo relatou a consellería, os lotes roubados tiñan arredor de 1.000 individuos que estaban na fase final experimental de engorde nunha batea ubicada na ría de Arousa.
Os berberechos foron producidos nas instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) en Vilanova de Arousa e a súa falta detectouse este martes cando os técnicos procedían a efectuar a mostraxe correspondente ao mes de decembro.
O proxecto empezou a desenvolverse a finais do ano 2014 e ten unha duración de 27 meses. A Consellería lamenta que este roubo interrompe o desenvolvemento do mesmo, o que supón unha perda de información de valor no eido da investigación relacionada coa resistencia do parasito Marteilia cochillia e ter que volver empezar coa fase de cultivo.
A marteilia é un parasito que afecta aos moluscos bivalvos contribuíndo ao seu debilitamento, pero resulta absolutamente inocuo para o ser humano. A afectación ás poboacións de berberecho é obxecto dun intenso control do Intecmar e é amplamente estudado no CIMA.