Os animalistas piden ao Concello que limite o uso de petardos e fogos artificiais "polo benestar animal"
Por Oskar Viéitez
A asociación animalista Libera expuxo este xoves que o Concello de Pontevedra limite o uso de pirotecnia durante a celebración do Fin de Ano, "co obxectivo de protexer o benestar humano e tamén o benestar dos animais", xa que sostén que "está demostrado que as detonacións teñen un efecto perniciosos sobre estes colectivos en diferentes niveis".
Segundo os animalistas, no caso das persoas, os fogos artificiais son "especialmente daniños para aqueles cidadáns que padecen trastornos do espectro autista, supoñendo unha auténtica tortura e que estas persoas chegan a identificar con catástrofes, sufrindo toda clase de síntomas de tensións e ansiedade". Apuntan que os petardos tamén afectan con maior incidencia ás persoas maiores e aos bebés, "ao supoñer un perigo potencial para os seus oídos".
Con respecto aos animais, tanto domésticos como silvestres, "as explosións pirotécnicas teñen profundo calado sobre os seus sistemas auditivos, moito máis desenvolvidos que o do ser humano". Así, desde a asociación Libera apelan a "estudos realizados nos últimos anos" para argumentar que polo menos a metade dos cans, aínda no interior dunha vivenda, sofren unha especie de "tensión postraumática" perdurable despois das detonacións.
Desta maneira, os animalistas subliñan a posibilidade de que as autoridades locais establezan limitacións ao uso de pirotecnia. No seu escrito remiten ao exemplo dalgunhas cidades italianas e arxentinas, ou á decisión de Vitoria-Gasteiz, cuxo goberno municipal, facendo caso das recomendacións do síndico, limitou aos primeiros 15 minutos do novo ano o uso de petardos e outros elementos pirotécnicos.
Neste sentido os defensores dos animais recomendan aos veciños que establezan "algunhas medidas preventivas para evitar sustos e problemas no caso dos cans, gatos e aves". A principal recomendación que fan desde Libera é mantelos lonxe de xanelas e proverlles un refuxio que poida atenuar o ruído, con alimento e auga fresca preto, reducindo a potencial ansiedade.
Finalmente Libera desaconsella completamente saír con animais durante o espectáculo pirotécnico, xa que "gran parte dos anuncios de perda deste día serán causa directa das explosións". Os animalistas animan a gozar das festas do Nadal reducindo o impacto que se causa a toda clase de animal.