10.000 sinaturas piden unha ordenanza de protección animal para Pontevedra
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
En apenas catro días máis de dez mil persoas adheríronse á petición que a asociación animalista Libera impulsou na plataforma de activismo dixital Change.org para demandar a creación dunha ordenanza de protección animal no Concello de Pontevedra, un marco legal aínda inexistente no municipio.
Os animalistas desenvolven esta iniciativa en colaboración con organizacións como Fondation Franz Weber, con décadas de experiencia no desenvolvemento de medidas lexislativas e políticas, e co obxectivo primordial de dotar á cidade do Lérez dunha ordenanza referencial no conxunto de Galicia, onde se inclúan algunhas das boas prácticas que xa realiza o goberno local.
O traballo de sensibilización, a xestión e control dos gatos ou o veto ao uso de animais en espectáculos de circo son algunhas das cuestións que os animalistas quererían ver asumidas nun texto que nunca existiu na localidade, a pesar de que outros municipios de gran poboación en Galicia anunciaron a redacción de novas ordenanzas, superando as súas normas da década dos 90.
Neste sentido as máis de 10.000 rúbricas que se sumaron ata o momento á campaña reclaman de todas as formacións políticas con representación no pleno un traballo firme en contra dos malos tratos animais e a favor de elaborar unha ordenanza moi necesaria, por canto senta as bases dunha estratexia local continuada que preveña situacións de abandono e malos tratos cara aos animais.
MAREA PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN
Recollendo esta petición de Libera, Marea Pontevedra anunciou que presentará unha moción ao Pleno instando o goberno municipal á redacción desta ordenanza, coa que buscan ampliar a protección animal en todo o municipio.
Marea lembra que Pontevedra carece dun servizo de recollida e atención a animais abandonados ou extraviados, non está regulado o uso dos espazos públicos e de convivencia cos animais, non existen zonas de esparexemento e xogos para animais ou botan en falta campañas de sensibilización sobre a protección, o coidado e o abandono dos animais.
Relacionadas:
-
Estas son as primeiras achegas á nova ordenanza de protección animal
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra terá nova ordenanza de terrazas e de protección animal
Por Alejandro Espiño |
-
Propoñen destinar parte da asignación aos grupos políticos á creación de zonas de esparexemento para cans
Por Oskar Viéitez |
-
Os animalistas piden ao Concello que limite o uso de petardos e fogos artificiais "polo benestar animal"
Por Oskar Viéitez |
-
Animalistas desaconsellan a solta de parrulos no estanque das Palmeiras
Por Redacción |