Sete parques infantís de Sanxenxo contarán con carrandiolas adaptadas
Por Redacción
A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Coral González-Haba, acometerá nas próximas semanas unha actuación nos parques infantís municipais. Estas intervencións permitirán dotalos de sete asentos para carrandiolas adaptadas para os parques da Carballeira en Nantes; Contumil tamén en Nantes; Adina, Bordóns, Pandeira, Punta Vicaño e Aios.
Para este cambio destinaranse 6.000 euros e o obxectivo é lograr que se integren os menores con algunha discapacidade ou con problemas de mobilidade nos parques infantís, de modo que poidan gozar destes espazos infantís comúns con outros escolares.
Os sete asentos adaptados carecen de arneses e dispoñen dun sistema atuomático de seguridade, o que facilita o seu uso con plenas garantías. Coral González-Haba ten previsto dotar a máis parques municipais deste tipo de randeeiras.
Tamén está previsto mellorar a dotación dos parques biosaludables para que as persoas adultas practiquen exercicio. Ao longo deste ano xa se instalaron dúas novas áreas destas características, en Vilalonga e en Xuncablanca, ademais doutra en Sear, Bordóns.