Dous millóns de euros para o rural na primeira Xunta de Goberno do ano
Por Alejandro Espiño
O ano comeza cun forte compromiso investidor do Concello de Pontevedra no rural. Ata dous millóns de euros investiranse en oito actuacións cuxa contratación foi autorizada na primeira Xunta de Goberno de 2017. Trátase das primeiras obras que se aprobaron con cargo ao orzamento recentemente aprobado pola corporación.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que todos eles son proxectos en materia de mobilidade, accesibilidade e seguridade viaria. Financiaranse coa partida que o orzamento de 2017 destina a este tipo de actuacións no rural, que ascende a 2,85 millóns de euros.
Todas estas obras, segundo o Concello, foron acordadas cos respectivos consellos parroquiais. Aínda que as novas contas aínda non entraron en vigor, ao estar en fase de exposición pública, con esta decisión o goberno municipal axilizará os proxectos para poder sacalos a licitación canto antes.
Unha das principais actuacións será a creación do núcleo de centralidade parroquial de Verducido, que estará situado nas inmediacións da igrexa e o cemiterio e moi próximo ao local dos comuneiros e do pavillón da parroquia. Habilitarase unha gran praza pública que, segundo Raimundo González, terá as mesmas características que as urbanas.
Ademais, acougarase o tráfico na contorna dos colexios de San Bieito (Lérez), San Martiño (Salcedo) e Carballeira (Lourizán).
O resto de obras serán melloras en vías do rural como a conexión entre Ruibal e a Carballeira de Pazo (Salcedo), a estrada entre O Regueiriño e Carballeira (Lourizán), o acceso a Maunzo (entre Santa María e San Andrés de Xeve), o viario entre os núcleos de Sabarís e Cabaleiro (Campañó), o acceso a Vilafranca (Marcón) ou a reforma da rúa do Costado (Mourente).
En todas elas, apuntou o edil do BNG, renovarase o pavimento, actuarase nas marxes e nas cunetas, renovarase a sinalización e instalaranse lombos para acougar o tráfico. Dependendo do estado destas vías, poderíase chegar mesmo a realizar unha reurbanización completa ou tan só rehabilitar os firmes.