Evacúan unha conserveira en Adina por unha fuga de amoníaco
Por Redacción
Unha fuga de amoníaco localizada nunha cámara de frío obrigou a evacuar á primeira hora deste mércores unha conserveira situada no lugar da Torre, Adina.
Trátase da empresa Leiro e Hijos, dedicada ao tratamento de mexillón.
Segundo informa o servizo de Emerxencias 112 Galicia, todos os traballadores atópanse en boas condicións, e só unha empregada tivo que ser trasladada ao centro de saúde debido a un ataque nervioso.
A alerta produciuse ao redor das 8:00 horas da mañá, quedando pouco despois controlada grazas á intervención dos técnicos da propia fábrica. Tras o episodio os bombeiros son os encargados de realizar medicións para garantir a seguridade.
Tras recibir o aviso, o 112 informou a Urxencias Médicas, Bombeiros do Salnés e Pontevedra e ao servizo de Emerxencias Sanxenxo, ademais da Policía Local e Garda Civil.