A ampliación de Sogama permitirá incrementar a súa capacidade de tratamento nun 81%
Por Redacción
O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), Javier Domínguez, avanzou este mércores en rolda de prensa que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de adxudicar as obras da ampliación do complexo medioambiental de Sogama, situado en Cerceda, por un valor de 275 millóns de euros.
Con esta actuación, aumentarase a súa capacidade de tratamento, que pasará das 550.000 toneladas anuais ata o millón de toneladas, o que se traduce nun 81% máis. Trátase, ademais, dunha mellora sobre o que viña recollido no prego do concurso no que se licitou este proxecto -no que se contemplaban 750.000 toneladas- achegada pola adxudicataria: a UTE galega Valtalia.
O contrato, que terá una vixencia de 15 anos, contempla a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible (PRTE), onde se procesa a denominada bolsa negra, isto é, os residuos municipais recollidos a través dos contedores verdes; a construción dunha nova planta para a recuperación dos envases de papel/cartón e plásticos contidos no lixo en masa (xa que o aceiro, aluminio e vidrio se seleccionan desde hai anos); e a operación, mantemento e limpeza de ambas instalacións.
Domínguez Lino destacou que ademais do aumento total da capacidade de tratamento, grazas á nova planta de recuperación de envases mellorarase a cantidade e calidade de materiais recuperados, que chegarán ás 120.000 toneladas que se remitirán anualmente aos centros de reciclaxe, catro veces máis que hoxe en día.
Ao mesmo tempo, este avance permitirá rebaixar, aínda máis, os residuos que se derivan ao vertedoiro de Areosa, que pasará a acoller unicamente a parte do lixo que non sexa reciclable, ou valorizable material ou enerxeticamente.
Indicou que a estas melloras súmanse outras vantaxes, como a xeración de emprego. Durante a construción da infraestrutura –aproximadamente uns 2 anos- crearanse 300 postos de traballo, aos que habería que engadir outros 200 empregos indirectos unha vez que a nova planta empece a operar.
REMATE A FINAIS DE 2018
O presidente de Sogama aclarou que agora a concesionaria dispón dun prazo de tres meses para presentar o proxecto construtivo. Posteriormente, estímase outro prazo de tres meses aproximadamente para que o concello de Cerceda conceda a licenza. Deste xeito, e se todo segue o seu curso, as obras comezarían en xuño de 2017 e rematarían a finais de 2018.
As obras comezarían en xuño de 2017 e rematarían a finais de 2018
A partir dese momento, e podendo tratar adecuadamente 1 millón de toneladas anuais de residuos, Sogama converterase nunha das plantas das súas características máis grandes de Europa e do mundo, consolidando o seu liderado en España.
Ademais, a compañía pública pasará a ser un referente na xestión sustentable dos residuos urbanos, ao dar resposta aos preceptos da economía circular, tendo como principal obxectivo o máximo aproveitamento dos produtos a través da reciclaxe e a conversión dos residuos en recursos.
Relacionadas:
-
Prorrogan o contrato do lixo en Pontevedra, á espera de concretar o plan de compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Sogama promove a reciclaxe con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental
Por Redacción |
-
Organizan un showcooking en Pontevedra para ensinar como aproveitar sobras de comida
Por Redacción |
-
Máis dun cento de inscritos na xornada sobre economía circular promovida por Sogama en Pontevedra
Por Redacción |
-
Sogama conmemora en Pontevedra o Día Mundial do Medio Ambiente
Por Redacción |