Sogama conmemora en Pontevedra o Día Mundial do Medio Ambiente
Por Redacción
O próximo 3 de xuño, Sogama levará a cabo en Pontevedra, na sede de Afundación, unha xornada coa que pretende conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, que terá lugar o domingo 5.
Baixo o título "Galicia, na senda da economía circular", a empresa pública propúxose profundar en todos os aspectos vinculados a este concepto, definido como a produción de bens e servizos cun menor gasto de materias primas, enerxía e auga, estando estreitamente interrelacionado co desenvolvemento sostible.
A economía circular eríxese así na intersección dos aspectos ambientais e económicos e novo paradigma para a sociedade, pretendendo que o residuo se converta en recurso.
O tradicional principio dos tres erres, convértese agora no criterio Multi-R co que se aposta de forma decidida por repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuir, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar.
O evento, que será inaugurado pola Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, estará presentado e moderado polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez, contando coa intervención de poñentes de alto nivel que darán a coñecer a situación actual da xestión dos residuos en Galicia, España e Europa.
Así mesmo, avanzaranse as liñas de futuro para a recuperación dos refugallos mediante a reciclaxe, a compostaxe e a valorización enerxética da parte non reciclable, conforme ao establecido no Paquete europeo de Economía Circular, así como no Plan Estatal Marco de Residuos (PEMAR) 2016-2022.