Queda en liberdade un ladrón sorprendido tras roubar 1.000 euros nunha tenda
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda decretou este luns a posta en liberdade dun mozo detido na madugada do domingo tras ser sorprendido por unha parella de transeúntes cando acababa de roubar a caixa rexistradora dunha tenda da rúa Peregrina de Pontevedra. O detido, veciño de Pontevedra, ten 20 anos e antecedentes policiais anteriores por delitos similares.
Todo ocorreu ás 2.40 horas da madrugada do sábado ao domingo. O hompre presuntamente utilizou un obxecto contundente para fracturar a porta de cristal de acceso á tenda especializada en roupa e material de deportes urbanos situada no número 56 da rúa Peregrina. Usou unha violencia tal que que tamén chegou a afectar o escaparate do establecemento.
Unha vez no interior, revolveu toda a zona mostrador e levou con el a caixa rexistradora, na que os responsables da tenda indicaron á Policía Nacional que había uns 1.000 euros da recadación do día anterior.
Saíu cun botín substancial, pero non chegou lonxe. Dous veciños retivérono xusto en canto puxo un pé na rúa e inmediatamente chegou unha patrulla da Policía Nacional que previamente fora alertada polos cidadáns e procedeu á súa identificación e detención para o seu traslado á Comisaría Provincial. No momento da detención opuxo unha resistencia activa ao traballo dos axentes policiais.
O home pasou toda a xornada do domingo e a mañá do luns na Comisaría, ata que foi posto a disposición xudicial ao mediodía e o xuíz decretou a súa posta en liberdade, pero investigado por un delito de roubo con forza. Agora investígase tamén a súa posible participación noutros delitos.
A investigación completarase tamén cos datos dos danos ocasionados no roubo, que deberán ser valorados unha vez que termine a súa restitución. Na mañá deste luns o cristal seguía fracturado, pero cunha reparación de urxencia.