Os pacientes crónicos, referentes nun Congreso Nacional no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Espérase que ao redor de 300 persoas asistan á quinta edición do Congreso Nacional Semergen de Pacientes Crónicos que organiza a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria no Pazo da Cultura os próximos 4 e 5 de maio. Neste foro está confirmada a participación de profesonales do medicamento, ademais de distintas asociacións de enfermos crónicos do mesmo xeito que se espera a participación de público en xeral.
O presidente de Semergen en Galicia, Isidoro Rivera, acompañado do médico Chano Esperón, mantiña un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores para explicarlle as liñas xerais desta cita congresual na que participa o Concello nun ano no que a cidade tamén acollerá un congreso de Traumatoloxía Deportiva.
Isidoro Rivera apuntou que este Congreso cuxo programa aínda non está pechado contará cunha parte científica e con talleres prácticos nos que haberá un circuíto de saúde con, entre outros, controis de tensión, de lípidos e de audición, ademais realizaranse estudos sobre os marcadores xenéticos, sobre anticoagulación e relaxación a través de mindfulness. O obxectivo deste evento é chegar ao paciente experto, a aquelas persoas que coñecen a enfermidade e son capaces de afrontala utilizando os recursos sanitarios para mellorar as súas condicións de vida. Analizarase a eficacia dos produtos biosimilares, fármacos que son parecidos a outros medicamentos biolóxicos innovadores e que se atopan comercializados, unha vez que finaliza a patente.
Rivera indicou que actualmente son máis as enfermidades crónicas que as agudas. Por iso este Congreso vai dedicado a persoas que padezan enfermidades como hipertensión, colesterol, diabetes, parkinson, ictus, artrite ou enfermidades raras. A inscrición a este Congreso é gratuíta.