Pontevedra acolle o único congreso de Atención Primaria dedicado exclusivamente aos pacientes crónicos
Por Oskar Viéitez
Desde este xoves o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle o único congreso de Atención Primaria dedicado exclusivamente aos pacientes crónicos, baixo o lema "Pacientes onte, protagonistas hoxe".
O V Congreso Nacional de Pacientes Crónicos está organizado pola Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN), xunto coa participación da Plataforma de Organizacións de Pacientes, o Foro Español de Pacientes, a Alianza Xeral de Pacientes e outras asociacións de pacientes nacionais e locais galegas.
No acto inaugural, que contou coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, púxose de relevo a necesidade de incrementar a participación dos pacientes no sistema nacional de saúde así como a importancia de que estes expresen aspectos sobre a súa enfermidade que os profesionais sanitarios non sempre teñen en conta.
Entre os obxectivos primordiais deste encontro científico, que espera acoller a 350 pacientes, está impulsar a formación destes enfermos crónicos así como establecer un marco onde as autoridades sanitarias poidan recoller as súas demandas, sensibilizarse sobre os seus problemas e dar respostas ao futuro da cronicidade.
O doutor José Luis Llisterri, presidente de Semergen, insistiu en que para eles "o paciente, e sobre todo o crónico, ten un claro protagonismo" de aí, que por quinto ano organicen este congreso, "porque consideramos que os pacientes deben ser parte activa na súa enfermidade".
España conta con 19 millóns de persoas afectadas por polo menos unha enfermidade crónica
Ademais Isidoro Rivera, presidente do comité organizador do congreso, sinalou que o paciente "é a persoa que mellor coñece a enfermidade, o seu propio corpo, e as reaccións que este pode ter ante diversos tratamentos farmacolóxicos e hábitos de vida". Por este motivo destacou que resulta fundamental "escoitarlles moi atentamente" e por iso, o programa científico do congreso "foi realizado enteiramente por eles", asegurou.
Segundo os datos ofrecidos por Semergen, España conta con 19 millóns de persoas afectadas por polo menos unha enfermidade crónica, polo que o 40% da poboación española é paciente crónico.
O congreso está formado por 5 foros de debates, 2 mesas redondas, 8 talleres organizados por asociacións de pacientes, e un circuíto de saúde onde o paciente pode coñecer o seu estado físico. Ademais, o congreso ofrece aos pacientes a posibilidade de presentar as súas comunicacións orais coas que van presentar as súas vivencias coa patoloxía crónica e a súa forma de xestionala.
GUÍA PARA A ARTROSE
Durante o congreso presentarase a guía práctica para o tratamento en Atención Primaria da artrose en pacientes con comorbilidad realizada por Semergen e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG).
Segundo explicou o presidente da Fundación Internacional de Artrose (OAFI), Josep Vergés, esta guía está dirixida aos médicos de Atención Primaria e é unha " ferramenta fundamental para a abordaxe da artrose".
Vergés tamén resaltou a importancia de ter en conta a asociación entre esta enfermidade e outras comorbilidades. "Para recomendar o tratamento máis seguro a cada paciente de artrose é importante saber se presenta algún tipo de comorbilidad asociada como hipertensión, insuficiencia renal, enfermidades cardiovasculares, hepatopatía ou diabetes entre outras", sinalou.
A guía foi coordinada por Julio Sánchez Fierro, vicepresidente da Asociación Española de Dereito Sanitario (AEDS).
Outro dos aspectos novos que van tratarse nesta quinta edición do Congreso Nacional de Pacientes Crónicos son: o Proxecto Voz, para as persoas que padecen psicoses e os seus coidadores, e o programa de paciente experto que está está a desenvolverse en Galicia. Tamén se abarcarán outros ámbitos que rodean a cotidianidade do paciente, como un taller de estética oncolóxica e outro de redes sociais.