Catro detidos coas 'mans na masa' mentres roubaban de madrugada en San Antoniño
Por Redacción
Un mozo menor de idade e outros tres de 18, 19 e 22 anos foron detidos na madrugada do domingo ao luns tras ser sorprendidos roubando no interior dun establecemento de hostelería da rúa San Antoniño, o restaurante Manseo, situado no local ocupado durante anos polo coñecido restaurante Bugatti.
O propietario do restaurante foi alertado da presenza de varios individuos no interior do local de madrugada, de modo que requiriu a presenza dunha patrulla da Policía Nacional que realizaba labores de prevención da seguridade cidadá pola zona.
Segundo informou a Policía Nacional, os axentes accederon ao restaurante e sorprenderon dentro aos catro mozos coa cara cuberta e portando unha linterna. Un deles levaba na man o caixón da caixa registradora.
A continuación, os axentes detiveron os catro como supostos autores dun delito de roubo con fueza e trasladáronos a dependencias policiais. Os catro resultaron ser veciños de Pontevedra e un deles ten antecedentes policiais por delitos similares. O menor foi entregado aos seus proxenitores e o resto foi posto a disposición da autoridade xudicial.
O propietario do negocio explicou aos investigadores da Policía Nacional que esta é xa a segunda ocasión en que o seu local sofre un roubo no último mes. Na anterior ocasión, os ladróns forzaran a rexa e accederan ao interior utilizando o mesmo modus operandi e esnaquizaran a máquina comecartos.
Relacionadas:
-
Unha 'pandilla' de mozos, o pesadelo de bares e comercios do centro de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Por enésima vez píllanos "in fraganti" roubando e quedan en liberdade
Por Oskar Viéitez |
-
Tres mozos detidos, por segunda vez, tras ser sorprendidos roubando nun bar da zona vella
Por Oskar Viéitez |