O PSOE reclama un incremento na plantilla de traballadores sociais do concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
"A situación na área de servizos sociais estase facendo insostible", indicou Paloma Castro, concelleira do grupo municipal socialista. "A carga de traballo é enorme e literalmente as traballadoras no dan abasto. Os asuntos vanse resolvendo gracias á extraordinaria profesionalidade do equipo no seu conxunto, porque a dirección política é inexistente"
Os socialistas sinalan que mentres que a situación social sufriu un profundo deterioro a causa da crise, "a política social do Concello de Pontevedra, que sempre fora modélica, empezou a sufrir tamén a perda de orientación política".
Aseguran que "non hai unha xestión adecuada dos recursos materiais e humanos e iso fai que o servizo non sexa todo o efectivo que debería ser. E o mais grave é que provoca certo desanimo entre os traballadores".
"A política social do concello pasou da seriedade e o rigor á ser un elemento de propaganda, diluído o carácter publico nunha rede na que se actúa con boa intención pero con escaso criterio de futuro", din os socialistas.
Paloma Castro afirmou que "os servizos sociais están desbordados e ao alcalde Lores non parece preocuparlle moito. O problema non é que nos outorguen o premio Corazón de Pedra. O problema é que o alcalde e o seu goberno teñan o corazón de pedra".
O grupo municipal socialista cre que "se necesita con urxencia repensar a liña de actuación en materia de política social" xa que "os cidadáns están lonxe de ver a saída da crise e necesitan sentir o apoio do concello ante as súas necesidades mais básicas".
"A política social non é caridade nin subvención." indicou Paloma Castro.
Os socialistas instan a utilizar a primeira modificación de crédito para dotar dúas novas prazas de traballadores sociais, que se cubran as baixas, que dende a dirección política se garanta un trato correcto ás traballadoras, favorecendo un clima de traballo adecuado, e o máximo respecto aos criterios técnicos nos procesos de atención social, así como dilixencia nos trámites asociados á mesma.
Reclaman tamén mellorar o servizo de información e cita previa, así como a organización dos horarios, coa fin de reducir o tempo de espera das persoas usuarias para ser atendidas, en base ás propostas que respecto diso realice o equipo técnico da área de servizos sociais.
Por ultimo, instan ao goberno municipal a esixir aos gobernos estatal e autonómico o incremento das partidas destinadas ao plan concertado para o desenvolvemento das prestacións básicas de servizos sociais para o ano 2017 e o seu aumento progresivo en exercicios posteriores.