O BNG pide a Fomento que revise o proxecto de ampliación de Rande "porque non resolve os problemas"
Por Redacción
A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na que pide ao Ministerio de Fomento que revise o proxecto de ampliación da ponte de Rande debido á súa afectación e porque non resolve os problemas.
Fernández Dávila pregunta a Fomento se considera "xustificada a ampliación da ponte de Rande dada a limitada eficacia que vai ter no problema dos desprazamentos rodados entre norte e sur e viceversa na franxa litoral de Pontevedra, e dados os graves perxuizos sociais, ambientais e culturais que provocarán estas obras".
Explica Davila que o BNG presentou no seu momento unha serie de alegacións ao proxecto aprobado para que se "priorizase a solución á conxestión de tráfico nesta zona á rede viaria privada, fronte a outros proxectos públicos xa en marcha como a A-57 e a A-59".
Criticaba o BNG que esta ampliación se plantexaba como unha solución provisional xa que "non resolve o problema real dos desprazamentos, que vai ter un impacto severo sobre os núcleos de poboacións da zona afectada, que agravará a situación de colapso existente nas saídas en dirección Vigo debido ao incremento de tráfico na Ponte de Rande".
A deputada do BNG pón de manifesto que o Ministerio non tivo en conta estas alegacións e "está decidido a levar a cabo as obras sen respostar ás grandes dúbidas que se plantexan". Davila afirma que o Goberno "fai ouvidos xordos ás reclamacións vecinais".