A Marea Branca cre que se manipulan os datos das listaxes de espera nos hospitais de Pontevedra
Por Anxo Lourido
Un grupo numeroso de cidadáns, representantes da Marea Branca, volvía concentrarse este sábado 21, ás 12.30 horas, na praza da Peregrina co obxectivo de saír en defensa da sanidade pública. Desde hai catro anos estes actos reivindicativos desenvólvense de forma periódica para denunciar que desde o goberno está a deixarse caer o sistema sanitario público.
Rafa Vázquez, representante de Comisións Obreiras, sinala que a estas concentracións tamén se suman profesionais afectados polos contratos que está a realizar o Sergas e que demandan que se finalice coa temporalidade laboral nos centros sanitarios, axustándose á normativa europea.
Sinala que se está apostando desde a Xunta de Galicia e desde a xerencia dos hospitais de Pontevedra por unha privatización da sanidade pública. "Cando se trata de forzas de seguridade ninguén discute que sexan públicos, pero cando estamos a falar da saúde, xa non é así", afirma o dirixente sindical ante a actitude da Consellería de Sanidade en materia laboral.
Neste sentido denuncia que, a pesar das promesas, ata o momento non se contou co persoal para elaborar o plan funcional para o Gran Montecelo e temen que o único que busca a Xunta é alongar o proceso de ampliación do Hospital pontevedrés. Rafa Vázquez asegura que non cre que estea finalizado ese proxecto ata 2024. E exponse dúbidas sobre o sistema que se quere establecer para a súa xestión.
"Hai algún indicio de que será privatizador. Falan de facer un hoteliño", afirma sinalando que este tipo de hoteis só buscaría unha fórmula mixta público-privada, que xa xerou conflitos noutros centros hospitalarios ao priorizar os pacientes procedentes da sanidade privada fronte á pública.
LISTAXES DE ESPERA
Sobre os datos das listas de espera que facilitaba a xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra apuntando a que eran referentes en Galicia, Rafa Vázquez indica que ao persoal non se lles facilitan eses datos sobre números de consulta e listas de espera desde o ano 2010. E denuncia que se producen situacións de manipulación das listas de espera a través de presión sobre os profesionais para que non introduzan os pacientes nas listaxes e mesmo con ameazas de expulsión das listas a aqueles pacientes cando se negan a ser derivados aos hospitais privados.
O representante sindical, en nome da Marea Branca, tamén denuncia que se facilitan datos sobre as patoloxías da provincia aos centros privados sen ter en conta a Lei de Protección de Datos.
Relacionadas:
-
A Marea Branca volve á Peregrina en defensa da sanidade pública
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública esixe participar activamente no proxecto do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
A Marea Branca volve á rúa este sábado 18 para reclamar vacinas e medicinas para todos os pacientes
Por Redacción |
-
Os pacientes de Pontevedra e O Salnés, de novo os que menos agardan de Galicia para operarse e ir ao especialista
Por Redacción |
-
Seis alcaldes reclaman investimentos inmediatos para o Gran Hospital de Montecelo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
E a Xunta rectificou e ampliará Montecelo despois de perder sete anos
Por Oskar Viéitez |