Sanxenxo deberá pagar máis de 132.00 euros de costas procesais por incomparecencia nunha apelación
Por Redacción
O goberno local de Gonzalo Pita en Sanxenxo estuda as medidas legais contra os responsables de prexudicar os intereses da vila no expediente de solo urbanizable número 13, situado en Monte Faro. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia impuxo ao Concello unhas costas procesuais de 132.788 euros pola interposición dun recurso de apelación ao que finalmente os servizos xuridícos contratados polo goberno anterior do PP en Sanxenxo non acudiron, segundo denuncia o actual alcalde.
Na liquidación de costas remitida polo TSXG de Galicia ao Concello obrígaselle a pagar 123.583 euros á defensa letrada das empresas propietarias do SU 13, situado en Monte Faro, Emprosal 16 e Llave del Año S.L; ademais terá que abonar 5.508 euros pola minuta do procurador dunha das firmas e 3.695 euros a un segundo procurador. O tribunal tamén recoñece a cantidade de 115 euros para o procurador de Lanzagolf SL. Segundo o goberno local, no escrito fíxase un prazo de escasos días para facer efectivo o pago.
Todo se remonta ao momento en que o Concello de Sanxenxo anunciara a presentación dun recurso de apelación dunha sentenza que obrigaba ao pagamento de 3.830.692 euros, máis intereses, aos promotores do SU 13. En xullo de 2011, o xulgado emprazaba ao Concello a acudir. En novembro dese ano, a sala do Contencioso-Administrativo do TSXG sinalaba que ninguén acudira á apelación polo que declarou deserto o recurso coa imposición das costas que ascenden a 132.788 euros.
Segundo o actual goberno, o Partido Popular ocultou aos veciños durante cinco anos as consecuencias económicas do erro do gabinete xurídico.
En 2011, a concelleira de Urbanismo era María Deza e o responsable de Economía Marcos Guisasola, actualmente integrantes do grupo municipal do PP. En xaneiro de 2012, a entón alcaldesa Catalina González solicitou por escrito ao gabinete xurídico unha explicación do ocorrido pero no expediente non consta resposta, segundo apuntan desde o Concello. Desde o goberno de Gonzalo Pita pregúntanse por que non se realizou unha reclamación aos servizos xurídicos contratados ao non acudir á causa.
Ante esta situación, o gabinente xurídico do Concello estudará as medidas legais que poidan adoptarse ante esta situación polo dano económico causado aos veciños de Sanxenxo, segundo apuntan desde o goberno local.