O AVE non chegará a Galicia ata o terceiro trimestre de 2019
Por Redacción
Oito ou nove meses máis tarde do previsto. O AVE non chegará a Galicia ata o terceiro trimestre de 2019. Así o anunciaron o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Unha decisión que, dixeron, é consecuencia do ano que España contou cun goberno central en funcións.
Núñez Feijóo reuniuse co ministro en Madrid, encontro no que repasaron o estado das obras desta infraestrutura ferroviaria que, actualmente, ten cinco tramos bloqueados como consecuencia da conxelación das negociacións coas empresas adxudicatarias.
O titular de Fomento destacou que a partir de febreiro empezarán a reunirse as comisións de seguimento para a construción das estacións intermodais das principais cidades galegas.
A idea, por tanto, é que coincidan a apertura das estacións e a chegada do tren de alta velocidade desde Madrid, para o que se espera que os primeiros vehículos de probas circulen no terceiro trimestre de 2019.
Tras considerar esta actuación "imprescindible" para "mejorar la competitividad de Galicia", De la Serna prometeu que se traballará na finalización do AVE na comunidade autónoma coa maior celeridade posible, ao ser unha "prioridad" para o Goberno.
CRÍTICAS DE CARMELA SILVA
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa preocupación por este novo "paso atrás" nun tren de alta velocidade "vital" para Galicia e pola actitude "incrible e indignante" do presidente da Xunta ao conformarse co atraso anunciado. "E Núñez Feijóo tan contento, oia", sinalou.
Ademais, Silva asegura estar "sorprendida" de que na entrevista co ministerio de Fomento, o presidente galego non pedise ao ministro a "necesaria" conexión por Cerdedo, algo que para a provincia de Pontevedra é "fundamental", dixo, por razóns económicas e sociais.