A Feira do Verdugo desafía ao mal tempo e abre as súas portas en Chan da Barcia
Por Redacción
O pavillón de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, abriu as portas este sábado da Feira do Verdugo, que permanecerá aberta toda a fin de semana de 10:00 a 21:00 horas.
Participan unha trintena de establecementos comerciais ofrecendo descontos nos seus produtos que roldan, en moitos casos, entre o 40 e o 50%.
A pesar das malas condicións meteorolóxicas, os postos recibiron a visita de clientes desde primeira hora.
A entrada á Feira do Verdugo é de balde, e nela poden atoparse postos de téxtil, calzado, complementos, maquinaria agrícola, mascotas, caza ou deportes, entre outros.
Despois de oito anos a feira "vai a máis", segundo sinalan desde o Concello de Ponte Caldelas, "consolidándoa como un evento comercial de primeira magnitude".