Os mozos de Cuntis 'deseñan' o seu futuro
Por Redacción
Un grupo de 30 mozos do municipio de Cuntis recibiron este sábado no auditorio José Raído Patelas os diplomas acredidativos do proxecto 'Deseñando o teu futuro'.
Este programa piloto de educación 'non formal' permitiu aos mozos e mozas, de entre 14 e 18 anos, realizar pequenas estancias titorizadas en centros de traballo, nun proxecto de aproximación da mocidade ao ámbito sociolaboral, aproximándose á realidade das empresas.
'Deseñando o teu futuro' está impulsado polo Concello de Cuntis coa colaboración da Asociación de Hostalería e Turismo do municipio, o ANPA O Baño, Cuntis Comercial Vila Aberta e Caldas Centro Comercial Aberto.
As estancias dos participantes foron de 15 días de duración, cunha xornada diaria de 6 horas, en sectores como a hostalería, comercio, educación, información ou comunicación.
"É unha ferramenta que axuda a completar o seu proceso de orientación vocacional e profesional; unha ponte de conexión co mundo laboral que ademais fomenta a súa autoestima, a iniciativa, o traballo en equipo, a toma de decisións, a responsabilidade", sinalou no acto a directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez.