Reparar a cuberta do instituto Chan do Monte custará máis de 90.000 euros
Por Oskar Viéitez
Este martes 7 de febreiro reanudaranse as clases no instituto Chan do Monte de Marín, segundo anunciou o xefe territorial de educación, César Pérez Ares.
Pérez Ares xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e responsables do centro educativo comprobaron esta mañá os traballos que se están levando a cabo para reparar os danos causados o pasado venres polo temporal que levou polo aire a cuberta do centro.
As obras de reparación no Chan do Monte terán un custo superior aos 90.000 euros, que asumirá a Consellería de Educación.
As choivas da fin de semana incrementaron os danos en tres aulas que o temporal deixou á intemperie, fundamentalmente equipos informáticos. Estas clases quedarán inutilizadas.
O director do Chan do Monte, Aquilino Cavadas, explicou que o alumnado destas aulas máis afectadas serán recolocados noutras zonas do centro escolar. "Buscamos solución para que nos espazos destinados para zonas comúns e outras aulas que estaban a ser empregadas como comodín se ocupen por estes ciclos que non teñen as súas clases nas condicións habituais", dixo o director.
Pérez Ares agradeceu o intenso traballo que os operarios están a levar a cabo para reparar o teitume que tivo que contar con algúns contratempos como a falta de subministración eléctrica.
Despois de consultar coa empresa, a xefatura comprometeu que ao finalizar a semana a nova cuberta estará instalada "e o luns poderemos continuar coma se non ocorrese nada", apuntou Aquilino Cavadas.