Un ano despois do cancro, a mariscar: "Esperan a que morra afogada. Unha pensión menos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Magdalena Martínez é unha loitadora. Demostrouno en toda unha vida de traballo no mar e na conserva. Tamén na casa, ao afrontar o cancro que acabou coa súa filla de 17 anos en tan só nove meses, o que lle arrebatou á súa nai e un terceiro que en setembro de 2015 a levou a ella a quirófano dúas veces en 15 días. E agora estao a evidenciar na batalla que emprendeu contra a "insensibilidade" dun sistema que, un ano despois de que lle extirparan unha mama, lle deu a alta para mariscar oito horas ao día na Ría de Pontevedra en contra do criterio da súa oncóloga e o seu cardiólogo.
Aos seus 59 anos, esta veciña de Campelo (Poio) empezou a saír en medios de comunicación de alcance nacional. Foi polo seu empeño persoal en "tempo para recuperarme" antes de volver traballar e, de paso, sacarlle as cores aos traballadores da Seguridade Social que seguen empeñados en que vaia traballar a pesar de que "eu non son capaz". Tras dúas intervencións e seis sesións de quimioterapia, o seu cancro de mama desapareceu, pero segue a tomar moita medicación para as doenzas novas e as que a acompañan desde hai xa moito tempo, como unha operación de columna e agora apareceu en escena tamén "unha depresión moi grande".
"O mesmo cardiólogo díxome que eu do corazón estou ben, pero o que teño é unha ansiedade moi grande e esa ansiedade, ao ir a traballar, provoca que me desmaie, co esforzo e a dolor e todo iso…", relata, non sen dificultade pola emoción e a rabia que a invade. O de mariscadora é "un traballo moi duro" e, se lle sumas que "apenas me podo mover" e que "colles estrés e aínda o fas peor", non se ve en disposición de ir traballar.
"Déronme a alta e dixéronme que eu estou sa e, gracias a Dios, non son das que morreron"
O seu caso causa indignación en todo o sector do mar e chegou tamén a oídos do Defensor do Paciente, que o levou á Fiscalía Superior de Galicia polo que entende unha mala praxis da Inspección Laboral que en outubro a obrigou a incorporarse. Agora o Ministerio Público derivou o caso á Fiscalía de Pontevedra, que abrirá unha investigación, pero, mentres tanto, nos dous últimos meses, xa se viu obrigada a coller dúas baixas.
Ao pouco de incorporarse en outubro, un día sufriu un mareo na casa, acabou no hospital e déronlle 15 días de baixa. Reincorporouse e, un mes despois, o episodio foi máis grave, pois estaba a mariscar coa auga ata a cintura cando se mareou e o mar a tragou por uns segundos, ata que entre varias compañeiras conseguiron sacala a terra. Co susto aínda no corpo por aquel incidente, agora leva de baixa desde o 17 de xaneiro, pero "aínda non sei se me pagan ou non".
Sen poder ir traballar, necesita que lle paguen esa baixa, pois coa pension mínima que cobra o seu marido non lle alcanza para pagar a cota de autónomos, os 50 euros ao mes de medicación e comer. Dadas as dificultades que tivo que afrontar nos últimos meses para seguir a recuperarse na casa, xa non dubida en afirmar que "esperan a que morra afogada, unha pensión menos", pero non está disposta a permitilo. "Eu quero loitar polo que me pertence, que poida vivir uns anos tranquila porque esta enfermidade non é unha broma", mantén. E recorda que leva traballando "toda a vida en España para axudar. Pois agora que me axuden eles a min".
Ese esforzo de anos non se viu recompensado. Mentres "a oncóloga dime que non podo, que non podo coller eses pesos, que é un traballo moi malo para min" e o cardiólogo "que se eu fora un conductor de autobuses, daba positivo en drogas coa mediación que tomo", déronlle a alta só coa palabra dunha inspectora, pois "non me mirou o tribunal médico". Ademais, ninguén tivo en conta que "o noso traballo é moi moi duro, que aínda homes non son capaces de facer" e, no seu día a día, leva enriba como mínimo 20 quilos tan só de aparellos e roupa e ten que "estar coa auga ata o cuello" a temperaturas moi baixas e agacharse para quitar o marisco.
E, ademais, o que máis lle doe son as formas que empregaron con ella, pois a citada inspectora asegura que lle dixo "que se non podo traballar neste traballo que me arregle, que me busque outro traballo, que eu estou sa e gracias a Dios non son das que morreron". "Vostede cre que se lle pode dicir iso a unha persoa enferma de cancro?".