Sanxenxo quere convertir o Pazo Quintáns nun museo cultural da Lanzada
Por Redacción
Un museo que, a partir dos achados do xacemento arqueolóxico da Lanzada, presente a riqueza patrimonial e cultural de todo este conxunto. É o destino que o Concello de Sanxenxo quere dar ao Pazo de Quintáns de Noalla, unha vez se rehabilite. De aí, que comezasen a tramitar o expediente para que Fomento o inclúa no programa do 1,5% cultural.
Sanxenxo quere que este museo cultural da Lanzada actúe como unha sala do Museo de Pontevedra e se combine cun programa de dinamización dos diversos patrimonios que conforman esta paisaxe cultural, contando coa participación da poboación e do tecido social local.
Así, a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), aprobada o xoves polo Consello da Xunta, permite optar a esta vía de financiamento a través da cal o goberno local confía en poder afrontar a rehabilitación do Pazo de Quintáns, unha cuestión prioritaria para o actual executivo, ao entender que a recuperación deste inmoble reportará importantes vantaxes.
O goberno local comezou en setembro de 2015 a tramitación da declaración de BIC para o Pazo de Quintáns, tras detectar que este procedemento estaba aínda pendente de iniciar e cuxa conclusión agora equipara ao edificio máis identificativo de Noalla, a nivel de protección, con monumentos como a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules, o Mosteiro de Oseira ou o da Armenteira, o centro urbano de Combarro ou a Catedral de Santiago.
O Pazo de Quintáns convértese así no segundo monumento de Sanxenxo con esta catalogación, da que xa dispón a Torre da Lanzada.
Esta clasificación incrementa ademais a protección do inmoble ao pasar a formar parte do patrimonio cultural estatal e duplica as opcións de Sanxenxo para lograr os fondos necesarios para a súa rehabilitación, un dos obxectivos marcados polo actual goberno desde o inicio desta lexislatura.
Xunto á incoación do expediente para a declaración como BIC do pazo, o executivo local prorrogaba o convenio coa Deputación para a redacción do Plan Director e Plan de Usos, executándose os traballos no último trimestre do ano 2015.
Un dos detalles que recolle o plan de usos é que a deterioración do Pazo de Quintáns acelerouse desde o ano 2010, momento no que o edificio contaba con "cuberta e cun estado de conservación con problemas puntuais pero abordables", para pasar a perder "unha parte importante da cuberta da edificación principal, o que afectou á estrutura e provocou que o edificio pase a estar en estado inicial de ruína".
Por iso é polo que o plan estime en 2,3 millóns de euros a rehabilitación total da contorna e en máis de 600.000 a primeira fase duns traballos para os que o Concello de Sanxenxo confía en entrar no 1,5 % que o Ministerio de Fomento destina do seu orzamento a recuperación do patrimonio arquitectónico.
Relacionadas:
-
O Concello adxudica a redacción do proxecto básico e de execución do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Fomento destina 903.000 euros para a rehabilitación do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
O remate dos traballos no xacemento da Lanzada dá paso aos do Monte do Castro
Por Redacción |
-
O Pazo Quintáns, a un trámite de ser declarado BIC
Por Redacción |
-
Inician os trámites para a declaración como BIC do Pazo de Quintáns
Por Redacción |