O PP pide un plan urxente de actuación para mellorar o barrio de Campolongo
Por Redacción
O Partido Popular esixe ao goberno do BNG a elaboración dun plan urxente de actuación en Campolongo porque, segundo afirman, a pesar dos distintos proxectos anunciados para a zona, ningún deles chegou a executarse, segundo denuncia a concelleira popular Aurora Cañizares. Sinala que esta zona corresponde ao concelleiro, agora deputado do Parlamento de Galicia, Luís Bará.
Indica que Campolongo é unha das zonas máis poboadas da cidade e que, por tanto, o barrio merece un investimento acorde ás necesidades de todas as persoas que a diario conflúen por ese lugar.
A formación que encabeza Jacobo Moreira cre necesaria a instalación de máis puntos de luz ao longo do paseo de Valle Inclán, no que se atopan as entradas ao Crespo Rivas e ao colexio Campolongo.
Piden a reposición das lámpadas fundidas nos postes de luz actuais. Ademais solicitan o arranxo de mobiliario urbano e a substitución das baldosas deterioradas para evitar caídas.
A praza da Constitución require unha reforma de todo o firme e os populares sinalan que o monumento se atopa cuberto de pintura desde hai moito tempo. Cañizares cre necesaria a construción dunha nova zona de xogos infantís na que se instalen randeeiras adaptadas e a conservación dos aparellos de ximnasia para maiores.