Xulgan dúas mulleres e un home por furtar a carteira dunha enfermeira e sacarlle cartos do banco
Por Oskar Viéitez
O vindeiro martes 14 de febreiro dúas mulleres e un home sentarán no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra por un delito de estafa polo que a Fiscalía solicita catro anos de prisión e unha multa, ademais da devolución do diñeiro.
A representante do ministerio fiscal acúsaos de furtar a carteira dunha enfermeira nun centro de saúde e de usar a documentación para sacar diñeiro dunha das súas contas bancarias.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos tiveron lugar sobre as 13.00 horas do día 11 de febreiro de 2013.
Os acusados, J.P.C. e D.D.S., "de común acordo, con ánimo de obter un enriquecemento ilícito e en execución dun plan preconcibido", aproveitaron un descoido dunha muller que se atopaba traballando nese momento como enfermeira e fixéronse coa súa carteira que estaba no bolso no interior dunha vitrina da consulta de Pediatría do centro de saúde San Roque da localidade de Vilgarcía de Arousa. Na carteira portaba a súa documentación persoal.
Unha vez obtido o seu botín a acusada J.P.C., xunto a V.S.M., "de común acordo e con ánimo dun enriquecemento inxusto", acudiron á sucursal do Banco BBVA de Vilagarcía de Arousa, utilizaron a documentación persoal da enfermeira e asinaron a documentación coma se dela se tratase e conseguiron reintegrar 600 euros da conta corrente persoal da enfermeira.
Tentárono nunha segunda ocasión pero a persoa que lles atendeu estaba previda e non lles deu o diñeiro.