Buscan un mariñeiro de Marín tras naufragar o seu pesqueiro en Senegal
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un mariñeiro de Marín, Vicente Pazos, permanece desaparecido en augas de Senegal. O pesqueiro no que traballaba, o Senefand 1, da compañía armadora viguesa Grupo Profand, naufragou o pasado venres fronte ás costas de Dakar e os equipos de rescate lograron localizar a oito dos once mariñeiros, pero tres seguen sen aparecer, o marinense, que ademais é o patrón do buque, e dous senegaleses.
O patrón, de 52 anos, é natural de Marín e ata hai uns meses era veciño do barrio de Cantodearea, pero recentemente trasladouse a Barro coa súa esposa.
Entre os tripulantes rescatados desta embarcación, que navegaba con bandeira de Senegal, está un pontevedrés, o xefe de máquinas, natural de Moaña. Un caboverdiano, un cidadán de Guineau-Bissau e cinco senegaleses completaban a tribulación que xa foi levada a terra sa e salva.
Fontes da armadora confirmaron que os oito pasaron xa o recoñecemento médico e foron dados de alta e están a descansar no hotel. A empresa está "centrada" en localizar aos desaparecidos e acompañando ás familias, que están a pasar uns "momentos complicados".
O operativo de procura do patrón marinense e os dous mariñeiros senegaleses implica tanto a Salvamento Marítimo de Senegal como a unha patrulleira da Garda Civil de Dakar, unha avioneta contratada pola armadora para a procura aérea, un helicóptero da Policía Nacional, unha avioneta da Armada Francesa e a embarcación Senefand 2, da mesma armadora e que faenaba tamén en augas de Senegal cando ocorreu o desastre.
A Secretaría Xeral de Pesca está a axudar a coordinar os dispositivos entre os diferentes países. Tanto as distintas administracións senegalesas como o Consulado como a Embaixada Española en Senegal están colaborado activamente coa compañía para que o incidente se resolva canto antes.
A compañía armadora garante que o buque superou "sen incidencias" a revisión técnica realizada en outubro de 2016 en Vigo e "conta con todos os certificados necesarios" e con "equipamento reforzado de localización e seguridade de última xeración".
Segundo a armadora, o último contacto coa embarcación é o mércores pola tarde-noite, na que non se reporta desde a mesma ningún incidente. Como parte do protocolo habitual, procédese a contactar 24 horas despois, non obtendo resposta desde a embarcación. Aínda que as comunicacións non son fiables nesa zona e é o barco o que habitualmente devolve a chamada pouco tempo despois, a filial da empresa en Senegal activa o protocolo interno de pre-alerta. Unhas horas despois e aínda que non se recibiu sinal desde a baliza de rescate do barco, a compañía puxo esta situación en coñecemento de Salvamento Marítimo, que iniciou o venres pola mañá os labores de localización.
As declaracións dos tripulantes rescatados apuntan ao sobrepeso no izado do aparello de pesca como posible causa do afundimento do Senefand 1 ao sur de Dakar.
A Xunta de Galicia amosou este domingo o seu apoio ás familias dos mariñeiros do barco e indicou que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, estivo en contacto permanente coa empresa e co secretario xeral de Pesca, Alberto López Asenjo, desde que tivo coñecemento do suceso para preocuparse polo ocorrido e ofrecer a axuda da administración autonómica. Falou directamente co director xeral de Profand, Enrique García, e púxose a disposición para axudar en todo canto sexa posible desde a Xunta.
Rosa Quintana tamén mantivo contacto directo con familiares do mariñeiro de Marín desaparecido e está en vías de comunicación cos do compañeiro de Moaña rescatado para trasladarlles a posibilidade de recibir axuda psicolóxica aos parentes máis próximos a través dos servizos de apoio da Xunta especializados nesta materia.