Preocupación na Xunta pola fuga de empresas pontevedresas a Portugal
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, apuntou que están a analizar o cumprimento das regras de competencia fronte á fuga de empresas a Portugal, unha circunstancia que "nos preocupa moitísimo", admitiu.
Tal e como apuntara no Parlamento galego o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, a Xunta está a investigar se algúns municipios do país veciño están incumprimento as regras da competencia ao conceder axudas estatais. Unha cuestión que, de ser verificada, podería ser obxecto dunha denuncia ante a Comisión Europea.
"Estamos a analizar as causas da fuga de empresas que se está producindo ou que se pode chegar a producir cara ao sur de Portugal", confirmaba o vicepresidente galego.
"É unha cousa que nos preocupa moitísimo, porque son ademais empresas de actividade consolidada, auxiliares das grandes empresas que hai aquí", fundamentalmente da planta de Citroën de Vigo "pero non só esa", apuntou Rueda. "Iso pódese chegar a converter nun problema importante", advertiu.
"Aquí o que estamos a ver é que se hai problemas de infracción dunha normativa europea de competencia entre países, é o que estamos a analizar ben", concretou o número dous do executivo autonómico respecto ao cumprimento das normas do libre mercado na zona norte de Portugal.
Os fondos europeos teñen unha normativa que impón unha serie de obrigacións a toda a Eurorrexión que a Xunta quere comprobar se se está cumprindo "eu supoño que se, aí non prexulgo, pero imos velo", dixo Rueda.
"É un problema que nos afecta a todos", sinalou Alfonso Rueda que citou á Zona Franca, "que por proximidade xeográfica ten moito que dicir", xunto á Xunta de Galicia e o IGAPE. Ademais citou aos concellos "coas súas políticas de bonificación de impostos" lembrando que os municipios lusos teñen os tipos "bonificados ata o máximo" o que lles converte en máis atractivos e tamén engadiu as infraestruturas.
Rueda recoñeceu que se trata dun problema que "ten solucións ata certo punto", indicando que "é certo que hai cousas que teñen que ser iguais para todos por normativa europea", pero lembrando que "Portugal ten unhas condicións que aquí non as hai. Ás veces mesmo afortunadamente, no tema dos soldos ou outra serie de circunstancias que sen dúbida inflúen. É un tema importante".
Os custos laborais en Portugal son de 13 euros por persoa e hora, fronte aos entre 17 e 20 por persoa e hora que se rexistran en Galicia, segundo os datos facilitados pola Xunta.
Rueda lembrou que en Galicia as políticas de abaratamento de prezos do chan industrial chegaron "ata o mínimo que permite a lei" lembrando que "non se pode regalar" algo que "non é posible aquí e eu dubido que sexa posible en Portugal, outra cousa é o que estean a facer".
Por agora a Xunta está a elaborar "estudos comparativos" co obxectivo de que "todo o que podamos facer aquí para ser similares, perfecto".