Retiran os coches que levan tres anos abandonados nas rúas de Sanxenxo
Por Redacción
A empresa encargada do servizo de residuos sólidos urbanos en Sanxenxo retirou dous vehículos abandonados en Sanxenxo. Tras asinar un convenio coa Deputación e despois de varias tramitacións administrativas pódense trasladar estes turismos que afean a contorna.
Estes vehículos entréganse á empresa Vigoto Uno, centro homologado para recibilos e tratalos como residuos sólidos urbanos, tal e como estableceu a Deputación Provincial. Os concellos menores de 50.000 habitantes, que chegaron a acordo co organismo provincial poden utilizar este servizo.
Os trámites administrativos obrigan a realizar un expediente longo que se inicia cun informe policial que constate que o coche non rexistrou movemento durante un mes. Despois é necesario solicitar á Dirección Xeral de Tráfico os datos relativos á propiedade do turismo para comprobar se pesa algunha anotación de embargo. Se é así, hai que recorrer ao xulgado para que autorice a retirada.
Tras estes pasos previos, o departamento de Medio Ambiente ten que notificar ao propietario para que proceda á retirada do turismo. Se non sabe como localizalo, ten que aparecer no Boletín Oficial do Estado.
Se o propietario desatende o requirimento decrétase o vehículo como residuo sólido urbano e é entón cando se pode retirar, sempre notificándollo ao seu propietario.
Os coches retirados en Sanxenxo atopábanse próximos ao Pazo Pardo Bazán e permanecían alí desde 2014.