O orzamento de Pontevedra, impugnado: o PP formaliza dous recursos xudiciais
Por Alejandro Espiño
O PP cumpriu o que anunciou no seu día. Os populares impugnaron o orzamento aprobado en Pontevedra para 2017 pola vía xudicial. Así o confirmou este martes o concelleiro Rafael Domínguez, que explicou que se trata dunha decisión que adoptaron tras unha "profunda reflexión".
"No es algo que nos hayamos tomado a la ligera", explicou Domínguez. "Nos costó tomar la decisión porque era complicado".
En concreto, o PP presentou dous recursos. O primeiro, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, impugna a aprobación do orzamento. O segundo, do que responderá o xulgado contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra, faino coa convocatoria do pleno.
Este último recurso, desvelou o edil do PP, xa foi admitido a trámite polo xulgado.
A impugnación do orzamento "no va a perjudicar", segundo os populares, nin aos veciños nin ás empresas da cidade, xa que Rafael Domínguez asegurou que aínda que as contas sexan consideradas ilegais, todas as xestións que se fixeron ata que se dite a sentenza serían "legítimas" e non habería que revogalas.
"Si hubiera un perjuicio no actuaríamos de la misma manera", engadiu o responsable de asuntos económicos no grupo popular, que cualificou esta situación como un "grave atropello" dos seus dereitos democráticos.
Rafael Domínguez reiterou que o procedemento baixo o que se aprobou o orzamento estivo "viciado desde el principio", ao non permitir o goberno municipal que se debatesen as emendas presentadas pola oposición. Se se aceptara este proceder, dixo, sentaría un "mal precedente" na administración local.
Os populares consideran que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tivo "tiempo" para rectificar e actuar "correctamente", pero lamentan que se negase pola súa "arrogancia". Así, Domínguez sinalou que "si en un trámite tan importante como este ha hecho esta chapuza, qué hará con temas menores".
O PP busca con esta decisión que un xulgado "nos dé la razón y diga que esto se ha hecho mal". Saben, como recoñeceu Rafael Domínguez, que a sentenza "puede tardar dos años" polo que o seu fallo non tería efecto práctico. Só lles reforzaría na súa tese de que o alcalde "hizo mal las cosas" e que "por mucho que lleve en el Concello, no puede pensar que es su casa".
PARA O CONCELLO, É UNHA "PATALETA" DO PP
Desde o goberno municipal, a tenente de alcalde, Carme da Silva, sinalou que detrás desta decisión do PP está a "frustración" que sente este grupo municipal porque "intentou liderar un pacto de catro forzas políticas" para aprobar un orzamento alternativo ao do BNG "e a súa estratexia fracasou".
"Non é máis que unha pataleta", sinalou a tamén edil do Festas que, apelando á época na que nos atopamos, recomendou aos populares que "se relaxen" e gocen do entroido de Pontevedra.
Relacionadas:
-
As dúas demandas presentadas polo PP contra o orzamento de 2017 seguen o seu trámite
Por Alejandro Espiño |
-
O orzamento municipal, ao xulgado: o PP confirma que recorrerá a súa aprobación no pleno
Por Alejandro Espiño |
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |