Carballedo abre a venda de convites para o xantar popular da Festa do Petote
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten pechados todos os detalles organizativos da oitava edición da Festa do Petote, que se celebrará o domingo 12 de marzo no pavillón municipal de Carballedo como peche aos actos do Entroido 2017 e que xa ten aberta a venda de convites para asistir ao xantar popular.
As persoas interesadas en asistir a esta cita gastronómica, que cada ano conta con máis siareiros e que en 2016 bateu récord de asistencia con 500 comensais, teñen os tíckets á súa disposición ata o vindeiro venres 10 de marzo en once puntos da bisbarra de Terras de Pontevedra.
Os convites poden adquirirse en A de Tucho (Augasantas), A Vosa Taberna (Borela), A de Perdiz (Augasantas), Bar Conchi (San Xurxo de Sacos), Casa Blanco (As Lagoas-Rebordelo), A Chan (Carballedo), A de Ángel (Tenorio), Donegal ́s (Pontevedra), Ernesto Filgueira (Pontevedra), O Brasileiro (A Lama) e A Rampla (Cerdedo).
Os tíckets, que están fixados a un prezo de 15 euros, inclúen un cocido completo con petote, café e postre e ademais repartiranse botellas de viño e auga nas mesas para cada catro comensais. O prezo para os menores de seis anos é de 5 euros. Ademais, haberá servizo de bar no recinto para quen queira mercar máis bebidas.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
O programa de actividades da VIII Festa do Petote arrancará ás 12.00 horas coa apertura dos inchables e xogos para nenos e os postos de venda de produtos galegos e de comida vexetariana e vegana a cargo de A tenda da gata, de Pontevedra.
Xa dende as 13.00 horas, celebrarase, ao igual que o ano pasado, un showcooking de postres caseiros propios do Entroido, como filloas, orellas e flores, a cargo de A tenda da gata.
En torno ás 14.30 horas, está previsto que se comecen a repartir os menús de cocido e petote, elaborados, como en 2016, por Catering Senín, de Moraña. Toda a xornada contará coa animación músical por parte do grupo de gaitas Foula e da charanga Charandonga. Así mesmo, haberá un sorteo entre os asistentes dunha cesta de produtos galegos.
Deste xeito, a Festa do Petote consolídase como o evento gastronómico central en torno a este bolo de millo propio do cocido de entroido na provincia de Pontevedra, xa que na semana anterior celebrarase a cita co Bolo do Pote en Marín e sete días despois a do Lacón con Petelo na Cañiza.
Relacionadas:
-
O Petote triunfa en Carballedo
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Amplíase a venda de tiques para a Festa do Petote deste domingo en Carballedo
Por Mónica Patxot |
-
A Festa do Petote, un compromiso real coa gastronomía tradicional galega
Por Antía Fernández Buján |
-
Cotobade despide o entroido co Domingo de Piñata en Carballedo
Por Redacción |
-
Viascón celebrará o 29 de maio a terceira Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto
Por Redacción |
-
Máis de 400 persoas asisten á Festa do Petote en Cotobade
Por Diego Torrado |
-
Carballedo, listo para render culto ao Petote
Por Diego Espiño |