Pontevedra, de novo a provincia máis cara para asegurar o coche
Por Alejandro Espiño
Contratar un seguro de coche en Pontevedra converteuse nunha misión case imposible para os petos máis modestos. E é que, segundo o portal Kelisto.es, a nosa provincia é a rexión española onde máis caro resulta asegurar un vehículo. En 2016, a prima media do seguro do coche ascendeu a 864,1 euros, un 38% máis que a media nacional.
A comparativa realizada por esta web, especializada en solucións para o aforro, sitúa a Pontevedra moi encima dos 762,6 euros que custa de media asegurar un coche en Cantabria, a segunda provincia máis cara; ou os 751,5 euros que gasta un condutor de Cádiz.
A media española sitúase nos 623,7 euros e ningunha outra provincia galega atópase entre o dez máis caras de todo o país.
Pontevedra lidera o ránking en todo tipo de seguros. O seguro de coche a terceiros custa unha media de 562,3 euros, superando o prezo medio nun 53%; mentres que o seguro a terceiros ampliado alcanzou os 564 euros.
Tamén o seguro a todo risco dispárase na provincia pontevedresa. Custa un 32,6% máis que a media nacional, situada en 1.366 euros. É dicir, chega aos 1.812,2 euros anuais. Entre a provincia máis barata, que é Segovia, e Pontevedra hai unha diferenza de 1.016 euros.
Kelisto.es explica que entre as variables que se teñen en conta para o cálculo da prima, o lugar de residencia do asegurado ten un peso importante.
O índice de sinistralidade de cada rexión, o tamaño do parque de vehículos e a incidencia de roubos de coches en cada provincia son os principais factores que poden facer que contratar un seguro de coche nunha cidade resulte máis caro ou máis barato que noutras.
Isto súmase a outras variables, como o índice de sinistralidade do propio asegurado, a súa idade e experiencia ao volante, así como outras cuestións relacionadas co vehículo, como a marca, modelo e antigüidade.