Dous feridos na colisión dunha furgoneta e dous camións en Cuntis
Por Redacción
Dous homes resultaron feridos e tiveron que ser trasladados a un centro hospitalario ao mediodía deste luns nun accidente de tráfico múltiple rexistrado en Cuntis e consistente na colisión entre unha furgoneta e dous camións.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse na vía que une A Estrada e Cuntis, concretamente no cruzamento cara ao lugar de Guimarei sobre as 12.10 horas.
Un particular alertou do accidente e indicou que os camións non transportaban mercadoría perigosa. O Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada foi mobilizado para sinalizar o accidente na estrada. Ao chegar, descartouse a súa intervención debido a presenza dos axentes da Garda Civil de Tráfico no punto.
O 112 Galicia avisou a efectivos de Urxencias Médicas, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada, Protección Civil de Cuntis e a Garda Civil de Tráfico, que se desprazaron ao lugar.