O Bloque e Marea descartan "de momento" un pacto no Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Coordinadora de Marea Pontevedra ratificou por unanimidade que "de momento" non se dan as condicións para poder asinar un acordo estable co BNG para o resto do mandato no Concello de Pontevedra, pero comprometéronse a seguir traballando no día a día para que, "nun novo clima de diálogo e colaboración", as súas propostas sexan asumidas polo goberno municipal.
O concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, e o coordinador desta formación, Xoán Hermida, compareceron en rolda de prensa para ratificar que "estamos nun novo tempo político que é irreversible para nós" e que "obriga" tanto a Marea como ao BNG "para tender pontes".
Xoán Hermida cre que o BNG "non interpretou aínda en toda a súa dimensión este novo tempo e seguramente necesite de máis tempo ou de reflexión para asentar este cambio"
"De momento, insistimos niso, de momento, non foi posible o acordo", lamentouse Luís Rei. O portavoz de Marea asegurou que "para nós valeu a pena tentalo e seguimos co ánimo colaborativo e a man tendida" xa que nas conversacións co Bloque "percibimos unha certa vontade".
O que atascou esa vía negociadora foi, segundo Luís Rei, que o goberno local "non é aínda proclive a encamiñar un xiro social profundo" no Concello de Pontevedra.
Tamén engadiu o "abstracto" da proposta do BNG, que segundo Luís Rei, ofrecíalles "un marco xeral do que seguir dimanando políticas sen concrección". Unha fórmula que asumen como válida cando dúas forzas pactan un goberno e distribúen as áreas entre elas e cada unha vai aplicando e concretando o marco, pero puntualiza Luís Rei que "aquí non se trataba de negociar un pacto de gobernabilidade, nin de entrar no goberno, por tanto queriamos que estivesen plasmados nun papel algúns compromisos".
Para iso Marea presentou unha lista con 50 compromisos "sen intención de impoñer a totalidade, non eran 50 liñas vermellas", explicou Luís Rei "e o que se nos respondeu non é aínda asumible". Acto seguido, o concelleiro aclarou que "iso non quere dicir que non vaia a seguir vixente nosa intención de seguir facilitando a gobernanza do Concello e de ser unha oposición útil".
En todo caso, matizou que "non se trata de ver quen zafa e quen apaña a culpa neste caso", algo que considera "pouco produtivo", cando quedan por xestionar e "converter en feitos" as emendas introducidas no orzamento deste ano que "deberían servir de base para acordos similares en 2018 e 2019".
Marea indica que traballará coa intención de ir "trenzando entendementos" de fronte ao escenario "moi probable" de que aquí siga sen haber maiorías absolutas e o Bloque e Marea Pontevedra "teñen obligadamente que entenderse".
VERSIÓN DO BNG
O portavoz municipal do BNG en Pontevedra, Raimundo González, resolveu que estes contactos con Marea "necesitan un período de reflexión, darnos un tempo para despois volvernos a reunir con máis ansia e máis interese".
O nacionalista admite que "son dous marcos de negociación diferentes e é moi difícil encaixar" xa que no BNG "nunca aceptariamos que Marea limitase a nosa acción de goberno". Conceptualmente o que ofertou o BNG foi "que cada forza política tivese a súa autonomía", é dicir, propuxeron alcanzar acordos "sobre asuntos de carácter plenario".
Por este motivo, Raimundo González resolveu que o Bloque está disposto a negociar "aquelas cuestións nas que esteamos de acordo, todo o que sexa" pero "cuestiones de pasado e outras que nos diferencian, non".
E apuntou que en "as 50 medidas de Rei" van asuntos "xa resoltos hai tempo e que queren mirar cara atrás" mentres que o BNG insiste en que "non queremos fixarnos nas cousas que nos separan senón naquilo que nos pode unir. Entendemos que aí hai posibilidades infinitas".
Finalmente Raimundo González concluíu que "se cadra é que tamén houbo certa precipitación por parte de Marea e aínda os tempos non estaban para chegar a un acordo" engadindo a continuación que "nós seguimos estando abertos a acordos no futuro".
Relacionadas:
-
Remodelación "profunda" do goberno de Lores coincidindo co ecuador do mandato
Por Alejandro Espiño |
-
Lores e Luis Rei achegan posturas para establecer unha "relación seria"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Marea Pontevedra amosa ao BNG a súa "disposición" a construír unha "maioría de progreso"
Por Oskar Viéitez |