Os socialistas esixen o cesamento de Raimundo González como concelleiro de Facenda
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista esixiu o cesamento do concelleiro Raimundo González como responsable de Facenda, unha petición á que o edil nacionalista restou importancia cualificándoa de "tinadas" e recomendando aos socialistas que "é bo relaxarse".
O motivo é a prórroga do contrato da auga que aprobou o BNG hai uns días en Xunta de Goberno. O portavoz socialista, Tino Fernández, asegurou que se non se corrixe a tempo o Concello cobrará aos cidadáns un sobrecusto no recibo da auga.
"Aquí ou hai unha inoperancia absoluta ou hai unha conivencia absoluta coa empresa", dixo Tino Fernández no convencemento de que "calquera das dúas cousas inhabilita ao concelleiro de Facenda para seguir á fronte desta área", por iso o Partido Socialista propoñerá no próximo pleno a revisión inmediata con carácter de urxencia do prezo da retribución da auga que se lle paga á empresa Viaqua.
"Instamos o alcalde para que cesamento ou lle retire as competencias ao concelleiro de facenda porque está a beneficiar os intereses dunha empresa privada", declarou Tino Fernández. O grupo municipal socialista lembra que González Carballo "será quen pilote o proceso de concesión do novo abastecemento da auga" polo que advirte "é un tema moi grave, o alcalde ten que tomar decisións se non quere verse salpicado".
EXPLICACIÓN
Segundo explicou en rolda de prensa Tino Fernández, en decembro de 1997 outorgouse a concesión do contrato da auga á empresa Aquagest (agora Viaqua) asinándose un contrato administrativo no que se fixan, entre outras cousas, as retribucións que a empresa vai cobrar polo servizo. A saber, pola subministración de auga 0,28 euros e polo saneamento 0,11 euros.
No momento no que adxudicou a empresa gañadora do concurso ofertou a realización dunha serie de melloras por valor de 15 millóns de euros a realizar ao longo dos 20 anos de extensión do contrato, pero esa cantidade non era achegada pola empresa a fondo perdido senón que se trataba de adiantar un diñeiro que se amortiza coa retribución que se lle paga. É dicir, unha parte (0,12 euros) deses 0,28 euros polo metro cúbico de auga e 0,11 de saneamento (0,01 euros) destinábanse a amortizar eses 15 millóns de euros en obras.
Esta variable da amortización figura no prego de cláusulas como unha condición que se utiliza para a revisión dos prezos.
A tenor do que se establece no contrato administrativo o período de amortización vai de febreiro do 1997 a febreiro de 2017, é dicir, os 20 anos que dura a concesión. En consecuencia, a partir do 1 de marzo de 2017 non se pode seguir repercutindo no prezo a parte correspondente á amortización, porque xa está pagada.
O problema xorde cando na prórroga do contrato non se fai mención a esta situación nin se acorda axustar a retribución da empresa á nova realidade rebaixando o prezo da auga conforme á finalización da amortización.
En consecuencia, segundo afirmou Tino Fernández, "o goberno municipal está a consentir que nos próximos bimestres de retribución da empresa sígase beneficiando á empresa cun enriquecemento absolutamente inxusto".
Segundo os cálculos feitos polos concelleiros do PSOE váiselle a pagar á empresa un sobrecusto de máis de 190.000 euros por bimestre.
"A nós esta situación parécenos moi grave tanto polo que significa de cobro abusivo como de conivencia do goberno coa empresa que lle permite a propósito embolsarse unha cantidade que non lle corresponde", dixo o portavoz municipal do PSOE.
Tino Fernández indicou que esta situación xa lle foi advertida en varias ocasións ao goberno local durante o pasado mes de decembro.
EXPLICACIÓN DO CONCELLEIRO DE FACENDA
Pola súa banda o concelleiro de Facenda, Raimundo González, asegurou que "os cidadáns de Pontevedra poden estar convencidos de que o Concello vai facer todo o posible para que se lle pague o que corresponde á empresa e nesa liña levan traballando máis dun mes os técnicos municipais".
González Carballo explicou que o goberno local "xa leva tempo traballando" en revisar os pregos e xurisprudencia relativa a esta situación para "ver que solución ten esta cuestión".
Finalmente tranquilizou aos seus compañeiros na corporación local indicando que "non hai absolutamente ningunha urxencia" xa que apunta que a cantidade que se lle vaia a pagar de máis á empresa "de ser unha diferente podería ser compensada por parte do Concello en futuras facturas".
Relacionadas:
-
A ausencia de dous edís do PP impide a reprobación ao BNG polo contrato da auga
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP di que o 2016 foi "o peor ano económico para Pontevedra dos últimos 17"
Por Oskar Viéitez |
-
Jacobo Moreira cre que "o PSOE é prisioneiro da connivencia que tivo no pasado co BNG"
Por Oskar Viéitez |
-
Jacobo Moreira cre que "o PSOE é prisioneiro da connivencia que tivo no pasado co BNG"
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra prorroga o contrato de Viaqua para o servizo da auga
Por Oskar Viéitez |