Unha muller resulta ferida nun atropelo nun paso de peóns en San Antoniño
Por Redacción
Unha muller de 38 anos resultou ferida poucos minutos despois das 11.00 horas da mañá deste venres nun atropelo na rúa San Antoniño de Pontevedra.
Fontes da Policía Local confirmaron que a muller foi atropelada por un turismo e sufriu feridas de carácter leve polas que foi atendida nun primeiro momento no lugar dos feitos e posteriormente trasladada ao Hospital Domínguez.
O atropelo produciuse cando a muller cruzaba por un paso de peóns por motivos que aínda están a ser investigados, pero todo apunta a que o condutor do turismo que a arroiou puido cegarse polo sol.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, Urxencias Médicas de Galicia deu aviso do atropelo ás 11.09 horas indicando que se producira á altura do número 39 da rúa San Antoniño. Despois de recibir o aviso, deuse traslado da situación á Policía Local, Protección Civil e os Bombeiros de Pontevedra.