Cidadáns propón crear unha comisión presidida pola oposición que vixíe a contratación municipal
Por Redacción
Cidadáns presentou unha moción para o seu debate no pleno da corporación na que propón crear unha comisión de vixilancia da contratación que realice unha "adecuada fiscalización política" dos contratos e concesións que realice o Concello.
A portavoz do grupo municipal de Cidadáns, María Rey, considera que o grupo de goberno nacionalista mostra "cada dúas por tres" a súa "incapacidade" para realizar en tempo e forma o seu traballo na xestión os contratos municipais, por iso é polo que propoña crear esta comisión, que estaría presidida pola oposición.
A comisión que propón María Rey velaría polo seguimento e análise dos pregos de condicións para as contratacións, polo seu cumprimento e por cumprir os prazos dos contratos en vigor, de modo que permitiría "deixar de xogar co diñeiro dos veciños de Pontevedra".
"Xa abonda de gastar o diñeiro de todos en vender fume", solicitou a concelleira de Cidadáns, que critica ao goberno local a falta de transparencia nestes procedementos e "certa incapacidade de negociación".
Esa comisión que propoñen dedicaríase ao estudo, análise e proposta de mellora respecto de todos os procedementos contractuais da administración municipal, os organismos autónomos e empresas de capital integramente local do Concello de Pontevedra. Emitiría informes, propostas e recomendacións de carácter periódico sobre o seguimento e a mellora dos procedementos de contratación, que elevaría ao pleno.
Entre outros obxectivos, perseguen a aplicación efectiva dos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia e eficacia da contratación pública municipal, coa fin de mellorar a racionalización dos recursos públicos.