Veciños de Lourizán piden a delimitación do núcleo do Regueiriño
Por Redacción
A recentemente creada Asociación de Veciños de Lourizán Afectados pola Ausencia de Planeamento Urbanístico Adaptado (Aveloplan) reclamou ao Concello de Pontevedra a actualización do PXOM para poder delimitar definitivamente o núcleo do Regueiriño.
Denuncia Aveloplan que o problema derivou nunha complicada situación para catro familias cuxas vivendas, nas que viven ata 10 menores, están ameazadas de derrubamento por expedientes da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).
A asociación aposta pola delimitación deste núcleo "ben pola iniciativa da administración ou ben levando a trámite nosa proposta de delimitación, que en breve será presentada e íntegramente financiada pola propia asociación", sinalou a súa vicepresidenta María Martínez.
"En ningún caso a asociación pretende suscitar a ferramenta da delimitación de núcleo como un fin para legalizar vivendas ilegais ameazadas pola piqueta, senón como unha ferramenta que debe ser posta ao servizo daqueles núcleos que teñen situacións de feito e que carecen de planeamento adaptado á realidade dos mesmos", defende Aveloplan.
Representantes deste colectivo explicaron esta situación e as súas reivindicacións nunha asemblea celebrada este venres na Casa da Cultura de Estribela.