Un pulpeiro, novo atractivo gastronómico da Festa de San Patricio do Mareantes Rugby Club
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Deportistas como os xogadores do Celta de Vigo, John Guidetti e Cabral; representantes do Teucro e do Cisne; as xogadoras do Poio Pescamar, o campión de baile deportivo Adrián Esperón ou o de tumbling, Adrián Soliño e o campión de España de boxeo, Aaron González, entre moitos outros deportistas, apoian o Mareantes Rugby Club nesta nova edición da Festa de San Patricio, que se inicia este mércores 15 ás 12.30 horas na carpa instalada na praza de España coa presenza do prestixioso cociñeiro Pepe Solla.
Esta sétima edición trae como principal novidade a presenza dun pulpeiro que sumará a súa oferta gastronómica ás hamburguesas, salchichas e cervexa que, como é habitual, os visitantes poderán degustar ata que terminen as actividade na noite do domingo 19. Este martes presentábase no Concello este evento por parte dos integrantes deste club de rugby pontevedrés e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
Guillermo Juncal sinalaba que se manterán os prezos populares das últimas edicións que van dos tres aos seis euros. Unha vez máis, unha das principais atraccións céntrase na cervexa con pinta rubia e negra, ademais de sen glute e sen alcol.
Ao longo destes cinco días, os asistentes poderán gozar da música de Trepia, Operación Guateque, Nightfall, Raúl Cabeleiro, Octupus, Desconcerto e Cantos de Taberna.
Esta iniciativa de crear esta festa ao redor do día de San Patricio, que se conmemora o 17 de marzo, ten como principal obxectivo obter fondos suficientes para sufragar os gastos que ten este equipo de rugby, que actualmente só conta cunha formación senior e que a próxima tempada contará tamén cun equipo feminino.
David Güimil, un dos representantes do club, afirmaba que se trata dunha entidade modesta que ten que pagar unha ambulancia e ao árbitro en cada partido, ademais das fichas que ascenden a 250 euros por xogador e outros gastos como a inscrición na liga, o aluguer das instalacións ou o seguro. Afirman que en cada partido en casa os gastos superan os 500 euros. O que recadan nesta festa é o que lles permite competir, afirman.
O obxectivo para este ano exponse en superar as 20.000 persoas que visitaron a carpa durante a pasada edición e despachar máis de 5.000 litros de cervexa. Nesta ocasión, volverán contar cunha tapa elaborada polo cociñeiro Pepe Solla: bocadillos ao corte de carrilleira con mahonesa de chile verde.
Para seguir todo o que suceda nesta festa a través das redes sociais, o club promove dous hashtag: #mareantesrugby e #sanpatricio2017.