A Festa da Orella coincidirá co Memorial Antonio Odriozola
Este ano a XI Festa da Orella compartirá data co XIX Memorial de Antonio Odriozola, celebrándose a primeira este 26 de marzo, e o segundo tanto o 26 como o 25. E terán lugar as dúas no Mosteiro do Lérez.
Desde a Asociación de Veciños de San Bieito do Lérez, organizadores da Festa da Orella, esperan que este ano o mal tempo se tome unha tregua e sexa "benigno" coa celebración. Un evento no que segundo apuntaba a representante do colectivo, María Xosé, o ano pasado chegaron a servirse ao redor de 600 e 700 racións de comida.
En canto a prezos dos produtos que se poderán degustar non hai moitos cambios respecto do ano pasado: a cazola de orella a 5 euros, orella doce a 50 céntimos, a empanada a 3 euros e o polbo a 5 euros. Só con cambios no prezo do churrasco, que polas demandas do ano anterior, como explicaba a representante, incluirá chourizo, e terá un prezo de 8 euros ao igual que o polbo.
Para amenizar a festa como xa é habitual haberá inchables gratuítos e unha sesión de DJ, ademais da actuación da banda de música tradicional Gaiteiros das Rías Baixas, que como outra novidade este ano farán o seu debut os nenos da escola de Gaiteiros das Rías Baixas, os cales en palabras de María Xosé "están moi nerviosos" pola actuación.
En canto ao XIX Memorial Antonio Odriozola, organizado pola Asociación Cultural Santísimo Cristo do Consuelo, teñen apuntados "en principio", segundo un membro da directiva, 28 expositores.
Contarán no programa co gañador por segunda ocasión do galardón Camelia de Ouro de Vigo, Eusebio López, un "gran coñecedor" da gran variedade de camelias, e tamén a exposición das palilleiras Mar de Fío, que expoñerán desinteresadamente os seus traballos e estarán alí palillando. "Unha perfecta demostración da tradición galega", recalcaba, nesta celebración pola camelia, flor emblemática de Galicia.
Así o presentaban na mañá deste mércores os membros das dúas asociacións, xunto coa concelleira de Festas, Carme da Silva, que comentou a importancia de promover estas festas nas que hai unha participación directa dos veciños da zona. Con isto teremos, engadiu, unha fin de semana "moi completa en Lérez".