María Rey pide unha nova investigación sobre o accidente de Angrois: "Non pode nin debe quedar no esquecemento"
Por Redacción
O tráxico accidente do Alvia en Angrois volverá ao pleno municipal. Será a través dunha moción que presentará Cidadáns para pedir o apoio da corporación para esixir ao Congreso dos Deputados unha nova investigación sobre este sinistro e que se aproben medidas para reparar ás vítimas.
Trátase da segunda moción que, sobre esta cuestión, debaterase no pleno. Xa en agosto aprobouse a iniciativa presentada polo BNG en nome da plataforma das vítimas, para que o Goberno abrise unha comisión de investigación sobre o accidente de Santiago, que se saldou con 81 persoas falecidas e máis de 140 feridos. Foi apoiada por Marea e Cidadáns.
María Rey explica que un suceso tan grave como este "non pode nin debe quedar no esquecemento" por parte das institucións públicas. Aínda é necesario, engade, indagar en todas as causas e depurar responsabilidades penais e políticas.
A edil pediu facer un exercicio de responsabilidade que, ademais, dignifique e recoñeza aos afectados e contribúa a levar a cabo reformas concretas que permitan mellorar a seguridade ferroviaria no noso país "para que isto non volva pasar".
Na moción solicítase encomendar a elaboración dun informe que teña por obxecto determinar a responsabilidade patrimonial do Estado e adoptar todas as medidas que sexan necesarias para a reparación e dignificación das vítimas do accidente ferroviario.
Igualmente, pídese dotar á Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF) do rango de autoridade administrativa independente de ámbito estatal, reforzando as súas funcións como autoridade responsable da seguridade ferroviaria.
O grupo tamén esixe a renovación de todos os vogais da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), asegurando que a súa selección responda os principios de mérito, coñecemento, experiencia, independencia e imparcialidade e que esta se integre na nova autoridade administrativa independente responsable da seguridade ferroviaria.
Con esta medida, búscase promover unha nova investigación técnica pola CIAF en torno ao accidente, que se realizaría en paralelo ao proceso xudicial, sen esperar á súa finalización e de maneira independente a este.