Requisan 432 nasas e máis de 100 quilos de peixe e marisco na Ría de Pontevedra no que levamos de mes
Por Redacción
Axentes do servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron 432 nasas e 104 quilos de peixe e marisco en diversos operativos contra o furtivismo realizados no que levamos de mes na ría de Pontevedra. Tamén se aprehenderon 3.000 metros de aparellos de enmalle.
Os inspectores de Gardacostas incautaron 102 nasas na zona de Punta Festiñanzo e Morrazán, 187 nas zonas de Punta Corbeiro, Foxos e Travesa e 143 na illa de Ons. Todos os aparellos requisados carecían de balizamento e identificación e estaban calados en fondos prohibidos. A maiores, os axentes fixéronse cos 68 quilos de polbo e os 6 de nécora que se atopaban dentro das nasas.
Por outra banda, noutro operativo levado a cabo na enseada da Lanzada, os gardacostas fixéronse con 3.000 metros de redes de enmalle, que tamén estaban sen balizar, sen identificar e non respectaban o descanso semanal. Ademais requisaron os 25 quilos de raia e os 5 de centola que contiñan as redes.
A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.
Relacionadas:
-
Os gardacostas intensifican a loita contra os furtivos días antes da Semana Santa
Por Oskar Viéitez |
-
Incautan 54 nasas no Cabalo por carecer de balizamento
Por Redacción |
-
Os gardacostas requisan 235 nasas de polbo sen identificar na Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Incautan máis de 200 quilos de pescada de talla antirregulamentaria en Marín
Por Redacción |
-
Os gardacostas requisan polbo e marisco ilegal nas rías de Pontevedra e Arousa
Por Redacción |