Marín recibe unha achega do Plan Concellos para pavimentar a rúa Recamán
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a cuarta concesión de subvencións ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2017. Entre os concellos beneficiarios destas novas achegas atópase o de Marín.
Deste xeito, Carmela Silva anunciou que Marín recibirá un investimento de 77.282,68 euros para a pavimentación da rúa Recamán.
Dentro deste proxecto, está previsto que se realicen traballos de fresado dos pavimentos, a realización dunha nova capa de rodamento de cinco centímetros, a limpeza e a reparación das beirarrúas, a instalación de sinalización horizontal e vertical, a realización dun novo paso de peóns e o traslado do semáforo.
A presidenta provincial sinalou que o investimento aprobado ata o momento na liña 1 sitúase próximo ao millón de euros, e matizou que "esta liña sempre vai máis lenta porque os concellos teñen que presentar e redactar os seus proxectos, pero a partir de agora comezarán a entrar de forma continuada moitos proxectos para os que este ano dispoñemos dun investimento de 25.750.000 euros fronte aos 25.000.000 do exercicio anterior", isto é, un incremento de 750.000 euros.