O PP colga carteis criticando ao Concello por cubrir só unha parte de García Escudero
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra está a manter reunións preparatorias para iniciar a primeira fase do soterramento do xacemento arqueolóxico da praza de Valentín García Escudero mentres espera a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio para o control arqueolóxico que está previsto que chegue nos próximos días.
Mentras tanto o grupo municipal do Partido Popular colgou carteis para informar aos veciños de que a solución "non é total" xa que o Concello deixa o resto da praza "para unha hipotética segunda fase".
A Concellaría de Patrimonio Histórico, que xestiona Luís Bará, traballa para inicien os traballos canto antes, "como moi tarde, a inicios do mes de abril", sinalan desde o Concello. Os traballos comezarán co levantamento dos protectores e limpeza dos achados, labores necesarias para facer os traballos de conservación e consolidación requeridos así como o levantamento en 3D dos restos que se van soterrar.
Dende o Concello tamén se advirte que o inicio dos traballos así como o seu desenvolvemento dependerán das condicións meteorolóxicas.