A astronomía, con A de muller
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Aglaonike predicía eclipses de lúa na Grecia clásica. Caroline Herschel descubriu varios cometas e estudou estrelas binarias no século XVIII. Ambas as dúas teñen en común a súa relevancia nunha disciplina do coñecemento na que as mulleres tiveron historicamente pouco espazo, a astronomía, e as súas figuras ensálzanse na exposición 'Con A de Astrónomas', que se pode visitar na Casa das Artes de Vigo e, durante as próximas semanas, tamén unha versión resumida na entrada da Pazo Provincial de Pontevedra.
A exposición, que pode visitarse ata o sábado 15 de abril en horario de 8.00 a 20.00 horas na sede principal da Deputación Provincial, inaugurouse este luns cunha conferencia a cargo da comisaria da exposición, Josefina F. Ling, á que asistiron un cento de alumnos dos institutos Luis Seoane e A Xunqueira II de Pontevedra.
Manuel Lourenzo, coordinador de dinamización do Luis Seoane, destacou a importancia deste tipo de accións porque abordan tres eixos que centran o traballo diario do centro, muller, ciencia e lingua galega. Ademais, considera que estas iniciativas son "pasiños" que contribúen a que o alumnado novo visibilice que a ciencia, a muller e a lingua galega son compatibles e que, ademais son compatibles en figuras como Ling, científica moi reputada no seu ámbito.
A conferencia inaugural tamén contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas. Esta última destacou a importancia de dar oco a estas mulleres que "moitas veces se escurecen ata que se esquecen" e apostou por seguir loitando para que se recoñeza o papel das mulleres na historia despois de demasiado tempo nun segundo plano e por poñer en valor a estas mulleres como Aglaonike ou Caroline Herschel, que adicaron as súas vidas ao estudo do universo.
Carmela Silva defendeu a relevancia desta exposición para cumprir co obxectivo de dar a coñecer á sociedade que ao longo de toda a historia sempre houbo mulleres que aportaron moitísimo á astronomía, a ciencia e á investigación en xeral e hai moitas que son absolutamente descoñecidas e, polo tanto, tamén o seu traballo é descoñecido. E, ademais, a importancia de facer chegar estes coñecementos ás movas xeracións a través da educación.
"Formar, educar, visibilizar, despertar conciencias, que a igualdade forme parte da educación" son os obxectivos que persegue a Deputación e neles encaixa moi ben 'Con A de Astrónomas' e chegar con ela ao ámbito educativo, pois a educación é "o único instrumento que existe de verdade para cambiar o mundo". Ademais, considera que a finalidade desta actividade é "que moitos de vós queirades ser astrónomos pero, sobre todo, que moitas de vós queirades ser astrónomas", xa que son necesarias moitas rapazas no mundo da ciencia investigando, coñecendo e aportando á sociedade.